Florbela Espanca

Vila Viçosa, 1894; Matosinhos, 1930

Durante a súa turbulenta e breve vida de 36 anos, marcada dende moi nova por unha saúde delicada e por unha neurosa que sempre lle afectaría, coñeceu a dor e a infelicidade a causa do fracaso de tres matrimonios e doutras paixóns. Sufriu varios abortos involuntarios que lle deixaron unha acentuada pegada de frustración no seu desexo de ser nai. Tamén quedou profundamente trastocada pola perda do seu querido irmán Apeles, vítima dun accidente de aviación en 1927. Todo este sufrimento soubo transformalo en confesional, sentida e visceral poesía e prosa, en letras femininas e tinguidas de sensualidade e erotismo. Ironicamente tan fráxil como forte, foi unha das poucas mulleres capaces de concluir os estudos de instituto, en Évora, e matricularse en 1917 na Facultade de Dereito da Universidade de Lisboa. A partir de entón comezaría a frecuentar os círculos culturais e literarios da capital, a colaborar en xornais e revistas, e a levar unha vida bohemia. Por esa época, en 1919, publicou o Livro de Mágoas e no 1923 o Livro de Soror Saudade; o resto da súa obra quedaría pendente dunha edición póstuma. Murreu na cidade á que se mudara, Matosinhos, o 8 de decembro de 1930, no día do seu aniversario, que coincidía co da súa primeira voda. Aínda que oficialmente a causa do pasamento debeuse a un "edema pulmonar", todo apunta a un suicidio premeditado, que anteriormente xa intentara en máis dunha ocasión. En 1964 o seu corpo foi trasladado a Vila Viçosa, esa terra alentexana que tan "entranhadamente" quería.