Leo Lionni

Amsterdam (Holanda), 1910; Toscana (Italia), 1999

Leo Lionni creceu nun ambiente artístico -a súa nai foi cantante de ópera, e o seu tío Piet, afeccionado á pintura- e dende moi novo soubo que ese sería o seu destino. A súa formación non foi artística, xa que se doutorou en Economía. En 1931 instalouse en Milán e entrou en contacto co deseño gráfico. Cando se trasladou a América en 1939, traballou nunha axencia de publicidade de Filadelfia, na Corporación Olivetti e na revista Fortune. Tamén ía medrando a súa reputación como artista e os seus cadros exhibíanse nas mellores galerías, dende Estados Unidos a Xapón. Como el mesmo dixo: "Dalgún xeito, nalgún lugar, a arte expresa sempre os sentimentos da infancia". O seu primeiro libro para nenos non chegou ata 1959, e xurdiu case por casualidade: durante unha viaxe en tren ocorréuselle entreter os seus netos cun conto feito a base de anacos de papel de seda. Así naceu "Pequeno Azul e Pequeno Amarelo", que foi o primeiro de máis de 40 obras, aclamadas en todo o mundo pola crítica especializada. Polos seus méritos como escultor, deseñador, pintor e ilustrador, recibiu en 1984 a Medalla de Ouro do Instituto Americano de Artes Gráficas.