Philippe Meirieu

Francia, 1949

Profesor, educador, autor e investigador no eido das Ciencias Sociais, ademais de destacado participante en foros e debates sobre política educativa, e cidadán comprometido coas causas da liberdade, da xustiza e da cooperación. Tamén é un recoñecido especialista en estudos de Historia da Educación e militante a prol dos dereitos da infancia e da escola para todos, laica e democrática, é dicir, "republicana". Promotor dos movementos de Educación Popular, foi profesor de Educación Primaria e Secundaria antes de acceder ao ámbito universitario. Dirixiu o Instituto de Ciencias e Práctica da Educación e da Formación na Universidade Lumière en Lyon-2, o Instituto Nacional de Investigación Pedagóxica, e o Instituto Universitario de Formación de Mestres no mesmo centro académico. Actualmente é profesor emérito en Ciencias da Educación. Ten publicado numerosas obras e textos de ensaio reeditados en múltiples ocasións e traducidos a varias linguas. Dirixiu programas e series de televisión de temática educativa. Formou parte de comisións institucionais para o estudo e o debate das problemáticas do noso tempo no escenario da República francesa, así como redactor xefe da prestixiosa revista Cahiers Pédagogiques. Coordina a colección Pédagogies na editorial ESF e colabora en medios como Le Nouvel Observateur, Le Monde ou Café Pedagogique. 

http://www.meirieu.com