Marcus Pfister

Berna, 1960

Estudou na Escola de Arte de Berna e empezou a traballar nunha axencia de publicidade como deseñador gráfico. Tras viaxar por Estados Unidos, Canadá e México, regresou a Suíza, onde iniciou a súa traxectoria como ilustrador. Publicou o seu primeiro libro en 1986 e seis anos despois creou o seu gran éxito internacional, "O peixe Arcodavella", que se converteu nunha colección de libros dos que se venderon máis de 30 millóns de copias en todo o mundo, ademais de contar cunha adaptación de debuxos animados para a televisión. Dende entón publicou medio cento de libros que foron traducidos a numerosas linguas. Viaxou por Asia, América e Europa dando a coñecer a súa obra, que se caracteriza polo amplo abano de técnicas e de estilos, dende as historias con dous finais diferentes ata os libros con páxinas divididas, pasando polas láminas holográficas de "O peixe Arcodavella". Por este título recibiu, entre outros, o Premio Christopher (1992, Nova York), estivo nominado ao premio Kate Greenaway (1993) e foi recoñecido co premio Critici in Erba (1993) da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.