Faktoría K de Libros

Faktoría K é un selo editorial de Kalandraka que produce libros de arte, narrativa, poesía, coñecemento, fotografía, banda deseñada e álbum ilustrado. Dende o tratamento dos textos e das ilustracións, ata o proceso de impresión, pasando pola tradución e o deseño de cada páxina, o esmero na edición é un sinal dos seus sinais de identidade. O catálogo de Faktoría K inclúe libros de produción propia e tamén obras procedentes doutras culturas, tanto para primeiros lectores e público infantil-xuvenil, como para adultos. Unha das súas principais apostas consiste en introducir novos creadores nos mercados internacionais e, á inversa, incorporar libros significativos que foran publicados noutros países: Francia, Alemaña, Suiza, Reino Unido, Xapón, India, Estados Unidos, Canadá, Finlandia...

Este labor conta con varios recoñecementos na súa traxectoria, iniciada en 2005: Premio Nacional de Edición en Libro de Arte 2007 (Ministerio de Cultura); Premio Lois Tobío de Tradución 2008 e Premio Ánxel Casal de Non-Ficción 2010 (Asociación Galega de Editores), referencias nas seleccións bibliográficas da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e do Banco do Libro de Venezuela, libros destacados nos Planos Nacionais de Lectura de Portugal, México, Chile ou Arxentina. Dende 2008, en colaboración coa Concellería de Educación de Orihuela, Faktoría K publica anualmente o Premio Internacional ‘Cidade de Orihuela’ de Poesía para Nenos.

Porque a lectura serve para entreter e pensar, para saciar a curiosidade e estimularnos intelectualmente, para entender mellor o mundo que nos rodea e expresar os mundos que levamos dentro, Faktoría K aspira a actuar como ponte entre a nosa cultura e outras realidades, con obras que nos permitan exercer a capacidade de emocionarnos.