28/09/2018

NACE KALANDRAKA TV PARA INFORMAR, FORMAR E DIVULGAR A LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

KALANDRAKA vén de crear unha canle de televisión dixital,www.kalandraka.tv, para xerar contidos informativos especializados no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil, que contribúa á promoción deste xénero e sexa unha ferramenta de formación para creadores, profesionais vencellados ao libro e á lectura, ademais das familias.

Con 20 anos de traxectoria, recoñecidos co Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012, KALANDRAKA dá o salto ao medio audiovisual para dar a coñecer os artífices dos libros, as súas obras e o proceso de traballo que conlevan. Nesta canle tamén terán visibilidade os espazos onde habitan os libros -bibliotecas, librarías, escolas- e tamén será un punto de referencia sobre novidades editoriais, recomendacións de lectura, actualidade e actividades de promoción lectora.

A grella de contidos de KALANDRAKA TV, que xa está dispoñible a través de equipos informáticos e dispositivos móbiles, artéllase nunha ducia de seccións:

CRÓNICA: reportaxes monográficas en profundidade sobre temas de interese no ámbito da LIX. "KALANDRAKA, 20 anos de Libros para soñar" é a primeira, arredor dunha das obras emblemáticas do catálogo, "O coelliño branco", distinguida co Premio Nacional de Ilustración 1999. Este documento fai un percorrido completo pola vida do libro, dende a creación do texto e das imaxes que conforman a materia prima, ata que a obra impresa chega ás mans das lectoras e lectores.

PUNTOS CARDINAIS: a traxectoria e a experiencia dos grandes referentes da LIX, co ilustrador italiano Roberto Innocenti como primeiro protagonista.

ATELIER: os artistas abren as portas dos seus talleres, amósandolle ao público as súas obras e falando do proceso creativo. A sección ábrese cos estudios dos ilustradores Xosé Cobas e Marc Taeger, aos que seguirá O Garaxe Hermético de Kiko Da Silva.

DÚAS OLLADAS: diálogos a dúas bandas entre autor ou autora e ilustrador ou ilustradora dun mesmo libro, compartindo impresións, recordos ou anécdotas desa obra conxunta. É o caso de Xosé Manuel González ‘Oli’ e Ramón Trigo.

LIBROS PARA SOÑAR: o escaparate das novidades de KALANDRAKA.

ONDE HABITAN OS LIBROS: visitas aos espazos onde os libros están presentes, en librarías como Cartabón ou Seijas, que será a seguinte en sumarse aos contidos da web; bibliotecas como as de Oleiros que recibiron varios recoñecemento institucional polo seu labor, ou proximamente a Biblioteca Municipal Neira Vilas de Vigo.

RECOMENDACIÓNS: propostas de lectura por parte dos profesionais, xunto coas achegas das nenas e dos nenos falando das súas obras preferidas.

BOOKTRAILERS: petiscos audiovisuais que permiten asomarse ás páxinas dos libros.

MISCELÁNEA: videoclips de cancións publicadas en formato libro-disco.

EXPERIENCIAS LECTORAS: proxectos de animación á lectura, inspiradores para os equipos docentes dende este inicio de curso.

ACTUALIDADE: noticias arredor da LIX, actividades, presenza en feiras internacionais do libro e outros temas de interese.

Con Beatriz Campos como presentadora e José Miguel Sagüillo como realizador, KALANDRAKA TV, ofrece contidos en lingua galega subtitulados en castelán, e viceversa; ademais de respectar a lingua orixinal dos protagonistas, en consonancia co carácter internacional e plurilingüe do proxecto editorial.

02/07/2018

“CÁNDIDO Y LOS DEMÁS”, DE FRAN PINTADERA E CHRISTIAN INARAJA, GAÑA O XI PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO

A obra presentada co lema "Cándido y los demás", escrita por Fran Pintadera e ilustrada por Christian Inaraja, foi a gañadora -por unanimidade- do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e por KALANDRAKA. Os seus creadores recibirán 9.000 euros como adianto polos dereitos de autor e o proxecto galardoado publicarase este próximo mes de novembro nas cinco linguas peninsulares.

O xurado destacou a "variedade e calidade" dos traballos presentados ao certame, procedentes de 18 países, entre os que se atopan Italia, México, Brasil, Grecia, Gran Bretaña, Portugal, Rusia, Arxentina, Alemaña ou Canadá.

Sobre "Cándido y los demás" sinalou que se "valora o tratamento da diferenza e da diversidade, a mirada dun mesmo cara aos demais, e dos demais cara a un mesmo". Tamén resaltou a "contemporaneidade da linguaxe e da universalidade temática, o seu estilo directo, coherente, circular e a súa riqueza gráfica, cercana ao deseño actual".

Licenciado en Psicopedagoxía, diplomado en Educación Social e técnico superior en Integración Social, Fran Pintadera (As Palmas, 1982) é narrador oral, director de teatro social e escritor de literatura infantil. Participou nos principais festivais de narración a nivel peninsular. A súa obra, publicada por varias editoriais, foi seleccionada pola Fundación Cuatrogatos e pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez. En 2017 recibiu o XIV Premio de Poesía Infantil La Luna de Aire.

Christian Inaraja (Vic, 1972) dedícase á ilustración editorial -con máis dun centenar de libros publicados- e ao cartelismo, ademais de colaborar como debuxante con varios medios especializados en público infantil e xuvenil. Participou en exposicións tanto en España como noutros países. É codirector do Festival Europeo de Curtametraxes de Reus, coordinador do departamento de ilustración na Escola de Arte ILLA de Sabadell, e estivo vencellado ás directivas da Asociación Profesional de Ilustradores de Cataluña e do Consello Catalán para o Libro Infantil e Xuvenil.

O xurado do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado estivo formado pola ilustradora italiana Arianna Papini, o ilustrador e editor Miguel Ángel Fernández-Pacheco, o ilustrador Xosé Cobas, o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Manuel Dios Diz, Manuela Rodríguez en representación de KALANDRAKA, e María Dolores Casás como secretaria.

FINALISTA E MENCIÓNS

Ademais de elixir a obra gañadora do certame tras unha longa deliberación, o xurado declarou finalista o traballo presentado co lema "La ensartadora de lágrimas", das italianas Anna Pedron e Franca Perini. Trátase dun poema breve "que fala da vida e da capacidade para transformar a dor en forza positiva", presentado cunhas imaxes "moi suxestivas e elaboradas".

Os integrantes do xurado tamén acordaron conceder senllas mencións especiais ás obras presentadas cos lemas "Ninguén coma min (autobiografía dun tirano)", de José Ignacio Chao Castro (A Coruña) e Eva Sánchez Gómez (Barcelona), e "A cidade conta histórias", de Susana Maria Seixas Alves Matos (Lisboa).

O xurado tivo unha lembranza especial á figura e ao legado literario do escritor Xabier P. DoCampo, ante a súa recente perda, ao recordar con "recoñecemento e gratitude" a súa estreita colaboración coa organización do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, sendo membro do xurado na primeira e mais na décima edición.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado forma parte da Campaña Municipal de Animación á Lectura que promoven o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e KALANDRAKA dende hai 18 anos. Con esta iniciativa preténdese achegar a lectura, a ilustración e a escrita ao público infantil, ademais de desenvolver a súa sensibilidade artística.

Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de obras presentadas ao Premio Internacional Compostela supera os 3.000 traballos. "Cerca", de Natalia Colombo; "Un gran soño", de Felipe Ugalde; "A familia C", de Pep Bruno e Mariona Cabassa; "A viaxe de Olaf", de Martín León Barreto; "Bandada", de David Álvarez e Julia Díaz; "Mamá", de Mariana Ruiz Johnson; "Ícaro", de Federico Delicado; "Despois da chuvia", de Miguel Cerro; "Unha última carta", de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; e "A horta de Simón", de Rocío Alejandro, son os títulos que forman parte da historia do certame.

30/10/2017

MARGA TOJO GAÑA O X PREMIO INTERNACIONAL 'CIUDAD DE ORIHUELA' DE POESÍA PARA NENOS COA OBRA "CARA DE VELOCIDAD'

O xurado do X Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenos e Nenas elixiu a obra da xornalista e escritora galega Marga Tojo González, presentada co lema "Cara de velocidad". O certame, convocado pola Concellería de Educación de Orihuela e polo selo Faktoría K da editorial KALANDRAKA, ten unha dotación de 5.000 euros e enxalza a figura e o legado literario do poeta oriolano Miguel Hernández, do que se cumpren 107 anos do seu nacemento, e cadrando neste ano co 75º aniversario do seu pasamento.

A obra premiada foi elixida por unanimidade entre 113 traballos procedentes dunha ducia de países, entre os que figuran España, Arxentina, México, Perú, Brasil, Italia ou Israel. "Cara de velocidad" destacou pola "orixinalidade e potencia das súas imaxes poéticas, a presenza dun universo urbano embelecido pola fantasía e pola altura lírica das súas composicións". O xurado tamén valorou a existencia de "referencias musicais contemporáneas" e a capacidade deste poemario para transformar o cotiá "en poesía, aventura e xogo".

O xurado estivo formado pola concelleira de Educación e Cultura de Orihuela, Begoña Cuartero; os gañadores do certame nas edicións oitava, terceira e segunda, Juan Carlos Martín, Beatriz Giménez de Ory e Pedro Mañas, respectivamente; a profesora Ana María Lucas e o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros.

A compostelá Marga Tojo colaborou cos medios dixitais Praza.gal, Galizaanocero.tv e Eldiario.es, os xornais El Correo Gallego e Galicia Hoxe -onde coordinou a sección de políticas sociais e o suplemento cultural ata o peche desta cabeceira- , a Revistas Luzes e a Revista do Audiovisual Galego. Tamén participou na fundación do proxecto xornalístico Dioivo e formou parte do equipo do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela. Actualmente reside en Madrid e figura no consello editorial de Altermundo. Como poeta, é autora de "Últimos bruídos".

A obra galardoada será publicada en marzo -mes da poesía- de 2018. O poemario de Marga Tojo sumarase a a "El secreto del oso hormiguero", "Ciudad laberinto", "Los versos del libro tonto", "Palabras para armar tu canto", "El idioma secreto", "Gorigori", "Donde nace la noche", "Mundinovi" e "Arroz con leche", que son os títulos premiados en anteriores edicións.

O Premio Internacional Ciudad de Orihuela é un dos certames de creación poética para adultos máis importantes do panorama actual das letras iberoamericanas dirixidas ao público infantil: pola difusión das obras publicadas nas feiras internacionais do libro (Boloña, Frankfurt, Bos Aires, México...), pola súa dotación económica, pola calidade das edicións -que se completan con ilustracións elaboradas especificamente para eses textos- e por formar parte dunha colección consolidada, variada en canto á ampla franxa de lectores á que se dirixe, e cun atractivo deseño.

14/04/2016

O IX PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO ELIXE UNHA OBRA GREGA TITULADA “EL ÚLTIMO DÍA”

Os gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, autores do texto e das ilustracións, respectivamente, foron gañadores do IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado pola obra presentada co lema "El último día".

A dotación do certame é de 9.000 euros e conleva a publicación do traballo nas cinco linguas peninsulares pola editorial KALANDRAKA, que colabora co Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela na convocatoria do galardón.

O xurado decidiu, por maioría, que o premio recaia en "El último día", destacando o "equilibrio entre a ilustración e o texto, formando un todo harmónico". Tamén valoraron a consistencia da narración, que "transmite Ledicia e ternura á vez".

Protagonizada por un carteiro, a historia pon en valor este oficio "como un elemento de comunicación favorecedor das relacións entre persoas e comunidades". Da proposta estética resaltaron a composición plástica, con predominio do trazo e do collage, que traslada a "unha suxerente paisaxe insular mediterránea".

Formaron parte do jurado a ilustradora Carme Solé Vendrell, o tradutor e editor Miguel Azaola, a bibliotecaria Ánxeles Roca, Manuela Rodríguez en representación de KALANDRAKA, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, o xefe do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Rodríguez, do mesmo departamento, en calidade de secretaria.

Anthonis Papatheodoulou (Atenas, 1977) estudou Animación en Atenas e Barcelona, e Literatura Española na Hellenic Open University. Traballa como tradutor e publicou varios libros. Recibiu o Premio de Álbum Ilustrado de Grecia en 2011 e 2012, o Premio de Álbum Ilustrado da revista Diavazo en 2011; varias obras da súa autoría foron incluídas na lista The White Ravens.

Iris Samartzi (Atenas, 1979) estudou Deseño Gráfico e Arte. Traballa como ilustradora de libros infantís e como profesora de debujo en Educación Primaria. Recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Libro Ilustrado da sección grega da IBBY en 2012 por un libro con texto de Anthonis Papatheodoulou, galardón que repetiu en 2015. Unha das súas obras tamén figura na Lista de Honra IBBY 2015.

O xurado decidiu proclamar finalista a obra presentada co lema "Por allí, el infinito" e outorgoulle unha mención especial ao trabajo titulado "Nina e Antoine".

Ao IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse 240 traballos procedentes de 24 países de Europa, América e Asia.

30/09/2015

O POEMARIO "TEMPO DE EXILIO" TRADUCIDO POR ISAAC XUBÍN GAÑA O I PREMIO ETXEPARE DE TRADUCIÓN

O poemario "Tempo de exilio", de Joseba Sarrionandia, traducido ao galego por Isaac Xubín e publicado na colección Tambo do selo FAKTORÍA K, gañou a primeira edición do Premio de Tradución Etxepare-Laboral Kutxa, convocado polo Instituto Vasco Etxepare. Este galardón, que vén de entregarse en Donostia coincidindo co Día Internacional da Tradución, recoñece a calidade do traballo realizado por Xubín.

"Tempo de exilio" -en edición bilingüe eúscaro/galego- é a primeira antoloxía poética de Sarrionandia, un dos principais expoñentes da moderna literatura vasca. O propio autor participou na selección das composicións, que abranguen tres décadas de traxectoria literaria.

Filólogo, escritor e tradutor, na actualidade Isaac Xubín é profesor en Sheffield. É autor de varios libros de poesía, narrativa curta e colaborou en publicacións colectivas. Como docente e investigador, elaborou un dicionario galego-éuscaro e foi lector de lingua e literatura galegas no Colexio Universitario de Cork. Na súa faceta como tradutor sobresae por ter recibido o Premio Lois Tobío 2012 da Asociación Galega de Editores (AGE) ao mellor libro traducido por "Alén da fronteira: sete poetas vascos", publicado igualmente na colección Tambo.

Tambo, baixo a dirección de Luís Rei Núñez, reúne obras de autores galegos, así como de poetas cataláns e vascos na súa lingua orixinal e traducidos ao galego.

O Instituto Vasco Etxepare é unha institución cuxo obxectivo é difundir a lingua e a cultura vascas por todo o mundo, promovendo a difusión internacional do éuscaro e dos creadores vascos en todas as disciplinas, dende a literatura ás artes escénicas, pasando polo cinema, a escultura, a pintura ou a música.

Con motivo do Día Internacional da Tradución, KALANDRAKA destacou o labor conxunto -a modo de ponte entre culturas- coa editorial PAMIELA na promoción da literatura, especialmente para lectores infantís e xuvenís, a través das súas coedicións en eúscaro.

Mostrando resultados 1 a 5 de 117
<< Primeira < Anterior 1-5 6-10 11-15 16-20 21-25 26-30 31-35 Seguinte > Última >>