13/01/2015

O CONCELLO DE SANTIAGO E KALANDRAKA CONVOCAN O VIII PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DOTADO CON 9.000 EUROS AO MELLOR ÁLBUM ILUSTRADO

O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o VIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 6 de marzo de 2015 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a primeira quincena de abril, no marco do Mes del Libro e das actividades da XV Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

Ao VIII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica.As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta rematada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- en outubro de 2015. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil.

As bases completas de participación no VIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.org).

OBRAS PREMIADAS EN ANTERIORES EDICIÓNS

A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela -á que se presentaron 335 traballos- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada "Cerca". Na seguinte convocatoria -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por "Un gran soño". O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro "A familia C", na que competiron 519 propostas. O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria co álbum "A viaxe de Olaf", seleccionado entre 374 traballos. Seguiulle "Bandada", dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, escollido entre 256 orixinais de 19 países. Na sexta edición, á que concorreron 374 traballos de 21 países, a obra elixida foi "Mamá", da arxentina Mariana Ruiz Johnson. De 21 países viñeron tamén os 255 álbums presentados á convocatoria do pasado ano, na que foi premiado "Ícaro", de Federico Delicado.

A convocatoria deste certame enmárcase na Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente, polo mes de abril, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. As actividades programadas -sesións de contos e música para público infantil e familiar, obradoiros escolares de ilustración e de escrita creativa, contacontos para pre-lectores, charlas para docentes, nais e pais, exposición de ilustracións- chegan a máis de 5.000 nenos e nenas da bisbarra compostelá.

MÁIS INFORMACIÓN:

● CONCELLO DE SANTIAGO. DEPARTAMENTO DE EDUCACIÓN: Tlf. 981 554 400 | dptoeducacion@remove-this.santiagodecompostela.org 

● KALANDRAKA EDITORA: Tlf. 986 860 276 | premiocompostela@remove-this.kalandraka.com

[Autor da imaxe gráfica do certame, Óscar Villán]

31/10/2014

A ARXENTINA LAURA FORCHETTI GAÑOU O VII PREMIO CIDADE DE ORIHUELA DE POESÍA PARA NENOS

A escritora arxentina Laura Forchetti foi a gañadora do VII Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenos coa obra presentada co lema Buenos días - medianoche. Ao certame, convocado pola Concellería de Educación do Concello de Orihuela e polo selo FAKTORÍA K, de KALANDRAKA, presentáronse 159 orixinais enviados dende 14 países. O poemario galardoado publicarase en marzo de 2015 e a autora recibirá 5.000 euros.

O xurado do VII Premio Internacional Cidade de Orihuela referiuse a Buenos días - medianoche como "un exercicio de contemplación da noite que reborda lirismo e poesía verdadeira". Asimesmo, destacou que se trata dunha obra "sosegada, de verso aberto e moi suxerente, que destila momentos de intensa emoción". As súas composicións, poboadas de "achados, sorpresas e imaxes", discorren cunha "cadencia suave e pequenas asonancias", segundo xustificou o xurado na súa decisión, acordada por unanimidade.

Laura Forchetti (Coronel Dorrego, provincia de Bos Aires, 1964) é mestra e especialista en retardo mental e estimulación temperá. Formouse como animadora á lectura e á escritura no ámbito da literatura infantil. Coordina obradoiros literarios para nenos e adultos en Bos Aires. Publicou os libros de poemas "Temprano en el aire" (2012), "Cartas a la mosca" (2010) e "Cerca de la acacia" (2007). Tamén é autora de "Un objeto pequeño" (2010), xunto coa artista plástica Graciela San Román. Participou en varias antoloxías poéticas.

Dos 159 poemarios candidatos ao premio, 121 son de procedencia española; do resto do mundo presentáronse obras chegadas dende Arxentina, Chile, Costa Rica, Ecuador, Cuba, Uruguai, Bolivia, México, EEUU, Alemaña, Bélxica e Hungría.

Por outra parte, entre os traballos finalistas, o xurado recomendou -pola súa "calidade literaria"- La hormiga que quiso ser letra, de José Antonio Ramírez Lozano (Badaxoz, 1950).

O xurado estivo formado pola concelleira de Educación de Orihuela, Rosa Martínez, a gañadora do Premio Cidade de Orihuela na edición de 2013, María Jesús Jabato, o poeta Antonio Rubio, o escritor e profesor Álvaro Giménez, e o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, co técnico de Educación de Orihuela, Manuel Ferrer, en calidade de secretario.

Xa son seis os poemarios publicados coas obras gañadoras do Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenos: "El secreto del oso hormiguero", de Beatriz Osés, ilustrado por Miguel Ángel Díez; "Ciudad laberinto", de Pedro Mañas, con ilustracións de Silvina Socolovsky; "Los versos del libro tonto", de Beatriz Giménez de Ory, coa proposta estética de Paloma Valdivia; "Palabras para armar tu canto", do mexicano Ramón Suárez Caamal, ilustrado pola súa compatriota Cecilia Rébora; "El idioma secreto", da chilena María José Ferrada, con imaxes de Zuzanna Celej; e "Gorigori", de María Jesús Jabato, que inclúe reproduccións de obras pictóricas nas que se inspiran os poemas.

28/05/2014

“PALABRAS” RECIBE O 2º PREMIO NACIONAL AOS LIBROS INFANTÍS E XUVENÍS MELLOR EDITADOS

"Palabras", de Jesús Marchamalo e MO Gutiérrez Serna, editado por KALANDRAKA, foi distinguido polo Ministerio de Cultura co 2º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados 2014 na categoría infantil-xuvenil. Esta obra xa recibira o recoñecemento do Banco do Libro de Venezuela, que a incluíu na prestixiosa selección Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes 2014 na súa sección Los imprescindibles de la biblioteca.

Trátase dun álbum poético e suxerente sobre a sonoridade das palabras, as raíces do seu significado e a imaxe mental que transmiten. O xornalista Jesús Marchamalo tamén comparte cos lectores cales eran algunhas das palabras preferidas de grandes figuras das letras universais como García Márquez, Unamuno ou Valle-Inclán, entre outros.

A ilustradora MO Gutiérrez Serna acompaña o texto con imaxes que mesturan elementos realistas e simbólicos: fotografías intervidas, debuxos bosquexados e formas xeométricas con moita riqueza cromática.

O resultado é un binomio Literatura-Arte que intenta prestixiar a linguaxe nun tempo no que as palabras se banalizan, se malgastan e se devalúan.

FEIRA DO LIBRO DE MADRID

No marco da Feira do Libro de Madrid que comeza o venres 30 de maio, "Palabras" presentarase o vindeiro 4 de xuño ás 19:00 horas nun acto aberto ao público que se celebrará na Biblioteca Eugenio Trías-Casa de Fieras de El Retiro, coa participación dos autores e do director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros.

Aos Premios Nacionais de Edición presentáronse 172 obras. O xurado estivo formado pola subdirectora de Promoción do Libro, Mónica Fernández Muñoz; Eladio Muñoz, da Federación Empresarial de Industrias Gráficas; Emma Cahia, da Biblioteca Nacional; Augusto Jurado, do Club de Gráficos Eméritos; Verónica Cantó, da Federación de Gremios de Editores; Josefina Delgado e María Manso, da Dirección Xeral de Política de Industrias Culturais; e Isabel Ruíz de Elvira, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Xunto cos demais premiados, "Palabras" exporase na próxima edición de LIBER, do 1 ao 3 de outubro en Barcelona, e nas feiras internacionais do libro de Frankfurt e Leipzig, en outubro de 2014 e marzo de 2015, respectivamente. Nestas últimas, as obras seleccionadas polo Ministerio formarán parte da mostra "Libros Mellor Editados do Mundo".

24/04/2014

CINCO TÍTULOS DE KALANDRAKA NA SELECCIÓN “LOS MEJORES LIBROS PARA NIÑOS Y JÓVENES 2014” DO BANCO DO LIBRO DE VENEZUELA

O Banco del Libro de Venezuela incluiu cinco títulos do catálogo de KALANDRAKA na súa prestixiosa selección Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes 2014. Trátase de “El idioma secreto”, un poemario de María José Ferrada ilustrado por Zuzanna Celej, na categoría de libros infantís; neste mesmo apartado recibiu unha mención o álbum animado “Nueva York en pijamarama”, de Michael Leblond e Frédérique Bertrand. No capítulo de libros xuvenís obtivo outra mención “Bandada”, de David Álvarez e Julia Díaz. A lista complétase con “¡Muchas gracias!”, de Isabel Minhós e Bernardo Carvalho, e “Palabras”, de Jesús Marchamalo e MO Gutiérrez Serna, clasificados na sección Los imprescindibles de la biblioteca.

Os expertos do Banco do Libro destacaron a “clara intención” das obras postuladas “por establecer diálogos con temas tabú tanto da nenez como da mocidade”: a morte, a pobreza ou a crítica social son argumentos comúns a nivel literario e plástico para lograr “unha conexión co lector dende a esperanza e o imaxinativo, o lúdico e o propositivo”, a base de historias cuxa voz narrativa sitúase “na perspectiva da amizade, das relacións familiares, do respecto e da aventura”.

Dende o Banco do Libro referíronse a “El idioma secreto”, que xa conta co Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenos e co Premio da Fundación Cuatrogatos, como un libro “único, necesario e indispensable en casas, colexios e bibliotecas para nenos de todas as idades”. Sobre “Bandada”, galardoado co V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e incluido na selección The White Ravens, destacaron a súa elegancia e a súa capacidade para “facer reflexionar o lector sobre o camiño que realmente desexamos para a nosa sociedade”.

A selección Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes conta cun gran recoñecemento en Iberoamérica e a entidade que a promove destaca pola súa dedicación, dende 1960, á democratización do libro e da lectura como ben cultural e ferramenta para o desenvolvemento integral do país.

Con esta iniciativa, o Banco do Libro aposta por “continuar tendendo pontes coa lectura e ofrecer unha vía posible para axudar a transitar harmoniosamente as moitas visións do mundo e exercer a cidadanía, que é a capacidade de convivir coas diferenzas”.

11/04/2014

O ILUSTRADOR FEDERICO DELICADO GAÑA O VII PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO POLA OBRA TITULADA “ÍCARO”

A obra titulada “Ícaro”, do ilustrador Federico Delicado, foi distinguida co VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, dotado con 9.000 euros e coa publicación nas cinco linguas peninsulares no mes de outubro. Trátase dun texto “moi contemporáneo”, segundo o xurado, que o definiu como un traballo “para pensar e sentir” pola súa capacidade para “aguilloar as conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez”.

O xurado do certame tamén destacou da obra gañadora a súa “perfecta simbiose entre texto e ilustración, que se complementan mutuamente e ofrecen múltiples lecturas”. De “Ícaro” valoraron que “non deixa indiferente a ninguén”, facendo “dubidar” os lectores sobre “onde comeza a realidade e onde remata a fantasía”.

Dende o punto de vista artístico, consideraron que rende “homenaxe aos grandes creadores, Franz Kafka e Edward Hopper”. A calidade plástica das ilustracións reflíctese, puntualizou o xurado, “nas atmosferas creadas que engaden profundidade e densidade á lectura”, con pistas que se apuntan en cada imaxe abrindo “a posibilidade a novas interpretacións”.

Federico Delicado (Badaxoz, 1956) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. En 1970 iniciou a súa traxectoria profesional elaborando materiais audiovisuais e traballos para prensa. Participou en exposicións de pintura e escultura. Nos últimos años publicou numerosos libros para público infantil e xuvenil.

Ao VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse 255 traballos dunha “alta calidade”, procedentes de 21 países. O xurado estivo formado polo ilustrador portugués João Vaz de Carvalho, a escritora Fina Casalderrey, a mestra Ángeles Abelleira, Manuela Rodríguez en representación de KALANDRAKA, o xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e a concelleira de Educación, María Castelao.

Ademais de acordar por maioría que “Ícaro” sexa a obra gañadora, o xurado do VII Premio Internacional Compostela declarou finalista o álbum titulado “Sonho com asas”, das portuguesas Fátima Afonso e María Teresa Martinho Marques, de Setúbal e Azeitao, respectivamente.

Pola súa calidade, o xurado recomendou a edición de “Antoni Gaudí”, de Dàlia Adillón Mars, da localidade barcelonesa de Vic; “Pescadoras”, de Nadia Graciela Menotti Ayala, de Bos Aires; e Máquina Ballena”, de Federico Fernández Alonso e Germán González Pintos, de Vigo.

OBRAS PREMIADAS EN ANTERIORES EDICIÓNS

A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada “Cerca”. Na convocatoria de 2009 o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por “Un gran soño”. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro “A familia C”. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum “A viaxe de Olaf”. “Bandada”, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición. Na pasada edición a obra elixida foi “Mamá”, da arxentina Mariana Ruiz Johnson.

A convocatoria deste certame enmárcase na XIV Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA. As actividades programadas a partir do vindeiro 22 de abril —sesións de contos e música para público infantil e familiar, obradoiros escolares de ilustración e de escrita creativa, contacontos para pre-lectores, charlas para docentes, nais e pais— chegan a máis de 5.000 nenos e nenas da bisbarra compostelá.

 

Mostrando resultados 11 a 15 de 118