12/12/2006

MARC TAEGER COMPARTIU COS ‘PIRATAS’ DE ‘A PROCURA DO TESOURO’ A FIGURA DE “AQUILES, O PUNTIÑO”

Nas semanas previas, os ‘piratas’ capitaneados por Migallas viñan realizando varias actividades relacionadas con este libro, do que destaca a novidosa técnica empregada por Marc Taeger, a base de collage con papeis pintados.

Finalmente, os ‘piratas’ tiveron o seu propio obradoiro de plástica creativa, seguindo o sistema que o ilustrador viña de aplicar na elaboración do mural. O obxectivo, segundo María Campos, de Migallas, era que “a partir dos elementos dos que está formada a figura de Aquiles, cada neno cree a súa propia composición, xogando coas cores e coas formas, con total liberdade de movemento e de creación”.

Non é a primeira vez que Marc Taeger visita aos ‘piratas’; anteriormente ten compartido con eles unha xornada de encontro á que tamén asistiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Antonio Rodríguez Almodóvar, autor do álbume “A verdadeira historia de Carapuchiña”, editado por KALANDRAKA e ilustrado polo propio Taeger. O seu traballo artístico neste libro foi galardoado co Premio Daniel Gil de Deseño Editorial 2005.

Marc Taeger, artista suízo afincado en Marín (Pontevedra), traballa como deseñador gráfico, pintor, escultor e creador multimedia. As súas obras téñense exposto en Luxemburgo, Alemania, China, España, Francia e outros países.

 

A BIBLIOTECA ROSALÍA DE CASTRO DE VILAGARCÍA CONVÉRTESE NUN PEQUENO MUSEO PARA A CAMPAÑA 'CANTAR E CONTAR'

Destaca a obra de Marc Taeger, un deseñador suizo afincado dende hai anos en Galicia, que ilustrou o clásico “A verdadeira historia de Carapuchiña”. Esta obra foi galardoada en 2005 co Premio Daniel Gil de Deseño Editorial ao mellor Álbum Infantil. Nesta mesma sala están as figuras de plastilina das pontevedresas Sofía F. Rodríguez e Ana Míguez para o libro “Os sete cabritos”.

Xunto cos artistas galegos, a exposición conta coa obra doutros ilustradores convidados. Así, o valenciano Pablo Auladell ilustrou “A casiña de chocolate”, un título que KALANDRAKA reeditou co gallo do décimo aniversario da editorial. Na exposición da Biblioteca Rosalía de Castro destaca unha reprodución -de gran formato e feita con cartón- da casa ilustrada por Auladell para este conto dos irmáns Grimm.

Ademais, figuran os orixinais de “Os tres osos”, realizados polo extremeño Miguel Tanco cunha técnica mixta a base de acrílicos, collage e materiais textís.

O vindeiro mércores día 26, a partir das 18:30 horas, a Biblioteca Pública Municipal acollerá unha sesión especial de contos e música a cargo do equipo de animación á lectura de KALANDRAKA, como peche da campaña “Cantar e contar”. Estará dirixida ao público en xeral e principalmente ao público familiar de toda a bisbarra arousana. Nesta sesión tamén se poderán apreciar as pezas cerámicas do ferrolterrán Francisco Pérez Porto para o libro-disco “Solaina”, do que se toma a imaxe da campaña. Acompañarán a estas figuras unha mostra de instrumentos musicais e varios obxectos de valor antropolóxico recuperados da cultura popular galega.

Mostrando resultados 116 a 117 de 117