05/02/2014

"CONTOS POR TELÉFONO", INCLUIDO NA LISTA DE HONRA IBBY 2014 NA CATEGORÍA DE TRADUCIÓN

O libro "Contos por teléfono", de Gianni Rodari, traducido ao galego por Carlos Acevedo e publicado por KALANDRAKA, foi seleccionado para formar parte da Lista de Honra 2014 da Organización Internacional do Libro Xuvenil (International Board on Books for Young People, IBBY) na categoría de tradución. A presentación do catálogo -que recolle un centenar de obras de todo o mundo- celebrarase o 12 de setembro en Cidade de México, con motivo do 34º Congreso Internacional da IBBY.

Distribuiranse 2.000 exemplares desa publicación en inglés non só aos participantes do Congreso, senón en posteriores actividades da IBBY en países como Xapón, Rusia, Estados Unidos e Italia, no transcurso da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña en 2015. Ademais, o catálogo depositarase na Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich e noutros organismos vencellados á literatura infantil e xuvenil en Rusia, Xapón, Estados Unidos, Eslovaquia e Suiza, onde a IBBY ten a súa sede central.

A Lista de Honra IBBY é unha selección bienal de libros propostos nas categorías de escritores, ilustradores e tradutores. Segundo a IBBY, estes libros "representan o mellor da literatura infantil de cada país". Formar parte desa prestixiosa escolma redunda nunha maior divulgación e coñecemento das obras distinguidas por parte de editores doutros países, xa que a organización recomenda a súa publicación en todo o mundo.

Varios libros do catálogo de KALANDRAKA figuran en anteriores edicións da Lista de Honra IBBY: na relación de 2011 as seleccionadas foron "Kembo" polas ilustracións de Miguel Calatayud, e a tradución ao éuscaro da obra "Que bonito é Panamá!" de Janosch, realizada por Ainhoa Irazustabarrena. Antes destes, tamén foran elixidos "Pepito, el habitador de los tejados" polo texto do galego Manuel Janeiro, na categoría de autor, e "29 historias disparatadas" pola tradución de Susana Fernández e Franck Meyer.

"Contos por teléfono" é un libro maxistral que consta de 70 relatos breves que combinan a intriga, a ledicia, a reivindicación da paz e a reflexión; un clásico incuestionable da literatura infantil e xuvenil que destaca polo sentido do humor, a imaxinación e o surrealismo das historias.O italiano Gianni Rodari (1920-1980) foi un dos principais renovadores da LIX; político, xornalista, pedagogo e escritor. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa traxectoria sobresae o Premio Andersen en 1970. É un dos autores emblemáticos do catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA, do que tamén se publicaron a "Gramática da fantasía" e os álbums "Confundindo historias", "Inventando números" e "Que fai falta?".

Polas ilustracións do artista plástico galego Pablo Otero, "Contos por teléfono" xa fora galardoado co Premio Isaac Díaz Pardo 2011, concedido pola Asociación Galega de Editores.

28/01/2014

A OBRA DE SENDAK CENTRARÁ O PLAN EDITORIAL DE KALANDRAKA EN 2014

A obra de Maurice Sendak estará moi presente este 2014 no catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA, que durante este ano publicará unha decena de títulos do autor e ilustrador estadounidense, aos que seguirán máis incorporacións durante 2015. Esta aposta por recuperar o legado de quen estivo considerado polos críticos como "un dos homes máis influíntes dos Estados Unidos porque darlle forma á fantasía de millóns de nenos é unha importante responsabilidade", responde ao interese por levar novamente a librarías, bibliotecas e fogares un conxunto de títulos emblemáticos que permanecían descatalogados ou inéditos.

Todas estas publicacións, que respectarán os formatos orixinais, editaranse nas cinco linguas peninsulares: galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués. O primeiro da serie será "In the night kitchen" -Na cociña de noite, na versión de Xosé Manuel González-, un álbum de 1970 con influencias artísticas de Winsor McCay (Little Nemo in Slumberland) no que Sendak evoca pasaxes da súa nenez. Foi censurado por un sector conservador da sociedade norteamericana que consideraba escandalosas algunhas ilustracións, pero pronto se converteu nun libro de culto.

"Na cociña de noite" súmase ao xa publicado "Onde viven os monstros", a súa obra mestra de 1963 que, malia a controversia das interpretacións críticas que suscitou nun principio, cativou -e seguirá cativando- a xeracións de nenos e nenas en todo o mundo. Sucesivas adaptacións para o teatro, os debuxos animados ou o cine amosan a súa enorme trascendencia e a súa plena vixencia.

Esta triloxía completarase coa tradución de "Outside over there", de 1981, que Sendak consideraba como a súa obra máis persoal.

KALANDRAKA tamén recuperará a "Mini-biblioteca" de Maurice Sendak, formada por catro libros de pequeno tamaño sobre as letras do alfabeto, os meses do ano, os números e un conto con sentenza.

Ademais, darase a coñecer a faceta de Sendak como ilustrador de textos alleos, a través da colección "Osiño", da escritora norteamericana de orixe danesa Else Holmelund Minarik, que data dos anos 50-60. Vendéronse a nivel mundial millóns de exemplares desta serie, que foi adaptada para a televisión.

A gran contribución de Maurice Sendak (1928-2012) a enriquecer o imaxinario infantil ao longo de cinco frutíferas décadas de traxectoria artística e literaria, foi recoñecida con destacadas distincións, entre as que figuran varias Medallas Caldecott, o Premio Hans Christian Andersen, a Medalla Laura Ingalls Wilder e o Premio Astrid Lindgren, entre outros galardóns.

22/01/2014

O CONCELLO DE SANTIAGO E KALANDRAKA CONVOCAN O VII PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DOTADO CON 9.000 EUROS AO MELLOR ÁLBUM ILUSTRADO

O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 7 de marzo e o fallo do xurado darase a coñecer durante a primeira quincena de abril, no marco do Mes del Libro e das actividades da XIV Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

Ao Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta rematada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- en outubro de 2014. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no VII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.org).

OBRAS PREMIADAS EN ANTERIORES EDICIÓNS

A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela -á que se presentaron 335 traballos- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada "Cerca". Na convocatoria de 2009 -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por "Un gran soño". O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro "A familia C", que competiu con outras 518 propostas. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum "A viaxe de Olaf", seleccionado entre 374 traballos. "Bandada", dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición, entre 256 orixinais de 19 países. Na pasada edición, á que concorreron 374 traballos de 21 países, a obra elixida foi "Mamá", da arxentina Mariana Ruiz Johnson.

A convocatoria deste certame enmárcase na Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente, polo mes de abril, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. As actividades programadas -sesións de contos e música para público infantil e familiar, obradoiros escolares de ilustración e de escrita creativa, contacontos para pre-lectores, charlas para docentes, nais e pais- chegan a máis de 5.000 nenos e nenas da bisbarra compostelá.

MÁIS INFORMACIÓN:

-CONCELLO DE SANTIAGO. DEPARTAMENTO DE EDUCACIÓN: Tlf. 981 554 400 | dptoeducacion@santiagodecompostela.org

-KALANDRAKA EDITORA: Tlf. 986 860 276 | premiocompostela@kalandraka.com

30/10/2013

A BURGALESA MARÍA JESÚS JABATO GAÑA O VI PREMIO INTERNACIONAL CIUDAD DE ORIHUELA DE POESÍA PARA NENOS

María Jesús Jabato Dehesa foi galardoada co VI Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenos cun traballo presentado co título "Gorigori". O xurado do certame, organizado pola Concellaría de Educación do Concello de Orihuela e Faktoría K, destacou que é "unha obra moi ben construída, con calidade literaria e altura poética". A gañadora recibirá 5.000 euros e o seu poemario publicarase en marzo de 2014.

Consta de 50 composicións nas que "resoan as voces de Alberti, Juan Ramón Jiménez, Lorca, Lope e as cancións populares". Cada poema "invítanos a achegarnos a unha obra pictórica, propiciando unha viaxe a través da arte, na que pintura e poesía danse a man".

María Jesús Jabato (Burgos, 1959) é licenciada en Dereito e Graduado Social. Traballa como técnica superior do Concello de Burgos e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Burgos. Colabora co Diario de Burgos e é autora de varios libros. Como poeta foi distinguida en varios concursos literarios: II Premio Santa Teresa de Jesús de Alba de Tormes, Concurso Nacional de Prensa Manos Unidas, segundo Premio de Poesía da Universidade de Burgos e Premio de Poesía para Nenos El Príncipe Preguntón.

O xurado estivo formado pola concelleira de Educación de Orihuela, Rosa Martínez, a profesora e crítica literaria Esperanza Ortega, a mestra e directora do CEIP de Torremendo, María José Agulló, o poeta Antonio Rubio, e o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, co técnico de Educación de Orihuela, Manuel Ferrer, en calidade de secretario.

Ao VI Premio Ciudad de Orihuela presentáronse 126 traballos procedentes dunha decena de países; a maioría dende España, ademais de México, Arxentina, Venezuela, Uruguai, Cuba e Estados Unidos, entre outros. Dende a súa creación en 2008, presentáronse a esta convocatoria preto de 900 poemarios.

O fallo desta sexta edición coincide co 103 aniversario do nacemento do poeta oriolano Miguel Hernández. O Premio Internacional Ciudad de Orihuela de Poesía para Nenos creouse, precisamente, para contribuír á promoción da poesía como xénero literario e impulsar a poesía infantil.

"Gorigori" súmase ás obras premiadas en anteriores convocatorias: "El secreto del oso hormiguero", de Beatriz Osés, que foi ilustrada por Miguel Ángel Díez; "Ciudad laberinto", de Pedro Mañas, coas ilustracións de Silvina Socolovsky; "Los versos del libro tonto", de Beatriz Giménez de Ory, coa proposta estética de Paloma Valdivia; "Palabras para armar tu canto", do mexicano Ramón Suárez Caamal, que ilustrou Cecilia Rébora; e "El idioma secreto", da chilena María José Ferrada, ilustrada por Zuzanna Celej.

Faktoría K é un selo editorial de Kalandraka que, a través da súa participación nas principais feiras do libro -Boloña, Frankfurt, Guadalajara (México)...- contribúe á difusión destas publicacións a nivel internacional.

08/10/2013

MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO RECIBE O PREMIO NACIONAL DE POESÍA POR “OS ÁNGULOS DA BRASA”

 

 

O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) foi galardoado co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra "Os ángulos da brasa", publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial KALANDRAKA. É a primeira vez que esta distinción que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recae nun autor por unha obra en galego.

"Os ángulos da brasa" xa recibira o Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía 2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2013.

"Os ángulos da brasa" será un dos libros expostos no stand de KALANDRAKA na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que comeza mañá.

Consta de 67 composicións divididas en tres seccións -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que Manuel Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.

Manuel Álvarez Torneiro traballou durante moitos anos como xornalista para o diario La Voz de Galicia. Con 50 anos publicou o seu primeiro libro de poesía, "Memoria dun silencio". Dende entón a súa traxectoria literaria suma outros sete títulos, polos que obtivo o Premio Esquío (1995), o Premio González Garcés (1999) e o Premio da Crítica Española en dúas ocasións: en 1999 por "Luz de facer memoria" e en 2012 por "Os ángulos da brasa". Tamén foi finalista do Premio Nacional de Poesía en 2003 por "Epicentro".

O Premio Nacional das Letras Españolas na categoría de poesía -dotado con 20.000 euros- distingue o conxunto do labor literario, en calquera das linguas oficiais, dun autor cuxa obra estea considerada como parte integrante da literatura española actual.

No xurado desta edición participaron a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu; a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández; Inés Fernández-Ordóñez, Basilio Losada, Amaia Jauregizar, Susana Rafart, María Isabel López, Juan Ángel Juristo, Juan José Lanz, Ramón Sánchez-Ocaña, María Ángeles Egido, Jaime Siles e os dous últimos galardoados co Premio Nacional de Poesía, Antonio Carvajal e Francisca Aguirre; por último, Alicia García, do Servizo de Promoción das Letras, en calidade de secretaria.

Mostrando resultados 16 a 20 de 117