08/10/2013

MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO RECIBE O PREMIO NACIONAL DE POESÍA POR “OS ÁNGULOS DA BRASA”

 

 

O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) foi galardoado co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra "Os ángulos da brasa", publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial KALANDRAKA. É a primeira vez que esta distinción que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recae nun autor por unha obra en galego.

"Os ángulos da brasa" xa recibira o Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía 2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2013.

"Os ángulos da brasa" será un dos libros expostos no stand de KALANDRAKA na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que comeza mañá.

Consta de 67 composicións divididas en tres seccións -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que Manuel Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.

Manuel Álvarez Torneiro traballou durante moitos anos como xornalista para o diario La Voz de Galicia. Con 50 anos publicou o seu primeiro libro de poesía, "Memoria dun silencio". Dende entón a súa traxectoria literaria suma outros sete títulos, polos que obtivo o Premio Esquío (1995), o Premio González Garcés (1999) e o Premio da Crítica Española en dúas ocasións: en 1999 por "Luz de facer memoria" e en 2012 por "Os ángulos da brasa". Tamén foi finalista do Premio Nacional de Poesía en 2003 por "Epicentro".

O Premio Nacional das Letras Españolas na categoría de poesía -dotado con 20.000 euros- distingue o conxunto do labor literario, en calquera das linguas oficiais, dun autor cuxa obra estea considerada como parte integrante da literatura española actual.

No xurado desta edición participaron a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu; a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández; Inés Fernández-Ordóñez, Basilio Losada, Amaia Jauregizar, Susana Rafart, María Isabel López, Juan Ángel Juristo, Juan José Lanz, Ramón Sánchez-Ocaña, María Ángeles Egido, Jaime Siles e os dous últimos galardoados co Premio Nacional de Poesía, Antonio Carvajal e Francisca Aguirre; por último, Alicia García, do Servizo de Promoción das Letras, en calidade de secretaria.

28/08/2013

'CONTOS POR TELÉFONO', CANDIDATO Á LISTA DE HONRA DA IBBY NA CATEGORÍA DE TRADUCIÓN

O libro "Contos por teléfono", publicado por KALANDRAKA, é un dos candidatos da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) a formar parte da próxima Lista de Honra da Organización Internacional do Libro Xuvenil (IBBY, nas súas siglas en inglés) na modalidade de tradución, polo traballo de Carlos Acevedo, un dos fundadores da axencia de tradución Rosetta. "Contos por teléfono", de Gianni Rodari, xa fora galardoado co Premio Isaac Díaz Pardo 2011, concedido pola Asociación Galega de Editores, polas ilustracións do artista plástico galego Pablo Otero.

A Lista de Honra da IBBY é unha selección bienal de libros propostos nas categorías de escritores, ilustradores e tradutores. Formar parte desa escolma redunda nunha maior divulgación e coñecemento das obras distinguidas por parte de editores doutros países, xa que os títulos incluídos forman parte dunha publicación que se distribúe por todo o mundo e tamén se expoñen nas principais feiras internacionais, como as de Boloña e Frankfurt.

Varios libros do catálogo de Kalandraka figuran nas Listas de Honra da IBBY de edicións anteriores: na relación de 2011 os seleccionados foron "Kembo" polas ilustracións de Miguel Calatayud, e a tradución ao éuscaro da obra "Que bonito é Panamá!" de Janosch, realizada por Ainhoa Irazustabarrena co título "Zein polita den Panama!". Antes destes, tamén foran elixidos "Pepito, el habitador de los tejados" polo texto do galego Manuel Janeiro, na categoría de autor, e "29 historias disparatadas" pola tradución de Susana Fernández e Franck Meyer.

Ademais, a edición de "Fálame" en italiano ("È non è"), de Marco Berrettoni e Chiara Carrer, que trata sobre o autismo, foi escollida para formar parte da lista de "Libros Destacados para Xóvenes con Discapacidade 2013", que publica o Centro de Documentación IBBY.

"Contos por teléfono" é un libro maxistral que consta de 70 relatos breves que combinan a intriga, a ledicia, a reivindicación da paz e a reflexión; un clásico incuestionable da Literatura Infantil e Xuvenil que destaca polo seu sentido do humor, o xogo de palabras, a imaxinación e o surrealismo das historias.

O italiano Gianni Rodari (1920-1980) foi un dos principais renovadores da LIX; político, xornalista, pedagogo e escritor. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa traxectoria sobresae o Premio Andersen en 1970. É un dos autores destacados do catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA, do que tamén se publicaron a "Gramática da fantasía" e os álbums "Confundindo historias", "Inventando números" e "Que fai falta?".

08/07/2013

CONVOCATORIA DO VI PREMIO INTERNACIONAL CIDADE DE ORIHUELA DE POESÍA PARA NENOS

A concellería de Educación do Concello de Orihuela (Alacante) e Faktoría K, un selo editorial de Kalandraka, convocan o VI Premio de Poesía para Nenos Cidade de Orihuela, un certame de ámbito internacional cunha dotación de 5.000 euros.

O prazo de presentación dos traballos rematará o 19 de setembro de 2013 ás 12:00 horas e o fallo do xurado darase a coñecer arredor do 30 de outubro, data que coincide co aniversario do nacemento do poeta oriolano Miguel Hernández.

Poderán participar autores maiores de idade que presenten un libro inédito en castelán, de poesía infantil, non premiado anteriormente en ningunha outra convocatoria literaria; a obra -que terá unha extensión mínima de 300 versos e máxima de 500- presentarase baixo lema ou seudónimo e por quintuplicado, mecanografada a dobre espazo e escrita por unha soa cara.

Os datos personais dos participantes adxuntaranse no interior dun sobre pechado en cuxo exterior se anote o título da obra e o seu lema oy seudónimo. Os traballos enviaranse ou entregaranse no Rexistro Xeral do Excmo. Concello de Orihuela (c/ Marqués de Arneva, nº 1. 03300 Orihuela).

Faktoría K editará a obra que designe o xurado, formado por profesionais de recoñecido prestixio. A publicación, prevista para o 21 de marzo de 2014, coincidirá co Día Mundial da Poesía.

Dende a súa creación, o "Premio Internacional de Poesía para Nenos Cidade de Orihuela" suma xa cinco poemarios: "El secreto del oso hormiguero", de Beatriz Osés, que foi ilustrado por Miguel Ángel Díez; "Ciudad laberinto", de Pedro Mañas, coas ilustracións de Silvina Socolovsky; "Los versos del libro tonto", de Beatriz Giménez de Ory, coa proposta estética de Paloma Valdivia; "Palabras para armar tu canto", de Ramón Suárez Caamal, que ilustrou Cecilia Rébora; e "El idioma secreto", de María José Ferrada, ilustrado por Zuzanna Celej.

04/07/2013

TIAGO MANUEL OBTÉN UNHA MENCIÓN ESPECIAL DO PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN DE PORTUGAL POLA ANTOLOXÍA POÉTICA DE MÁRIO DE SÁ-CARNEIRO

O artista plástico Tiago Manuel (Viana do Castelo, 1955) foi galardoado cunha mención especial no Premio Nacional de Ilustración 2012 de Portugal pola obra "Mário de Sá-Carneiro: Antologia Poética", publicada por Kalandraka Editora Portugal. O xurado destacou que "a ilustración de Tiago Manuel comparte a poética de Mário de Sá-Carneiro, asumindo as dúbidas e arelas do poeta, e desmultiplicándose en alegorías sombrías onde o trazo sólido debuxa, coma un berro, reixas, caveiras e sombras ata caer nun universo de memorias sen fondo".

O exceso e a dispersión son algunhas cualidades literarias desta antoloxía que a colección Treze Luas do selo Faktoría K lle adica ao principal poeta do Modernismo portugués, admirado polo seu imaxinario lírico e polo cromatismo dos seus versos, ilustrados de forma vehemente e carismática por Tiago Manuel.

O xurado do Premio Nacional de Ilustración estivo formado por Adriana Baptista, profesora da Escola Superior de Educación de Porto; Manuel San Payo, profesor da Facultade de Belas Artes de Lisboa, artista plástico e ilustrador; e Cristina Grácio, en representación da Direção-Geral do Livro, dos Arquivos e das Bibliotecas.

A ilustradora Ana Biscaia foi a gañadora desta 17ª edición do Premio polo libro "A cadeira que quería ser sofá". André Letria, pola obra titulada "Mar", obtivo outra mención especial. Ao certame presentáronse 78 obras publicadas o pasado ano por 45 editoriais.

Por recibir esta distinción, a obra de Tiago Manuel vaise expoñer na próxima Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

Non é o único título destacado da colección Treze Luas: a obra de André da Loba para o libro "Bocage: Antología Poética", tamén recibiu unha mención especial do Premio Nacional de Ilustración 2010 e o poemario forma parte do Plano Nacional de Leitura de Portugal. Igualmente, figura no Plano Nacional de Leitura "Cesário Verde: Antologia Poética", cuxas imaxes, de José Manuel Saraiva, recibiron outra mención especial do Premio Nacional de Ilustración 2011. A colección complétase con outras dúas antoloxías poéticas adicadas a Fernando Pessoa e a Florbela Espanca, ilustradas por Pedro Proença e Joana Rêgo, respectivamente.

13/06/2013

"LA NIÑA DE ROJO", PREMIO LLIBRETER 2013 DE ÁLBUM ILUSTRADO

O libro "La niña de rojo", con texto de Aaron Frisch e ilustracións de Roberto Innocenti, publicado por KALANDRAKA, foi galardoado co Premio Llibreter 2013 de Álbum Ilustrado. "O feito de que o premio o concedan os libreiros cataláns, un dos gremios máis antigos a nivel estatal, cáusame unha grande emoción", explicou Roberto Innocenti, que viaxou dende Florencia ata Barcelona para asistir á lectura da acta do xurado durante a presentación dos premios e para recoller o galardón. Ademais, Roberto Innocenti visitará a Feira do Libro de Madrid este sábado e a partir das 12:00 horas asinará exemplares dos seus libros na caseta 172 de KALANDRAKA.

"La niña de rojo" é unha versión moderna do clásico de Carapuchiña Vermella na que as ilustracións de Innocenti non só destacan polo detallismo que caracteriza o seu estilo, senón por representar a historia e os personaxes nun contexto urbano e contemporáneo, lanzando unha ollada crítica sobre o consumismo, o abuso da tecnoloxía e a incomunicación nunha sociedade caótica e desigual.

"A miña Carapuchiña está ambientada nos barrios periféricos e degradados, onde vive un terzo da humanidade", precisou o ilustrador italiano. "Non quixen inserir ningunha connotación ligada ao territorio para facer un libro destinado a lectores de todo o mundo: o bosque transfórmase nun centro comercial e o lobo nun motorista, mentres que o perigo represéntano o consumismo, a tentación continua de ter cousas inútiles que nos provocan insatisfacción", engadiu Innocenti.

"Os nosos nenos xa non dialogan co bosque e co lobo", sinalou Roberto Innocenti, de modo que "se queremos explicarlles relatos significativos e que saiban que deben ter coidado cos descoñecidos, temos que facer historias actuais para que as recoñezan".

Roberto Innocenti amosouse "feliz e honrado" por este galardón, a primera distinción que recibe "La niña de rojo" e que se suma aos prestixiosos recoñecementos obtidos ao longo da súa traxectoria: Mazá de Ouro na Bienal de Ilustración de Bratislava, Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York e Premio Hans Christian Andersen 2008.

O Gremio de Libreiros de Cataluña instaurou o Premio Llibreter no ano 2000 como mostra de recoñecemento profesional aos creadores das obras seleccionadas, en cuxa promoción se volvan todas as librarías adscritas ao colectivo. Dende hai tres anos elixen os títulos máis destacados do ano nas categorías de álbum ilustrado, literatura en catalán e outras literaturas.

Na historia do Premio Llibreter, os Libros para Soñar de KALANDRAKA estiveron representados en varias edicións: "Mateo", dos galegos Paula Carballeira e Pablo Otero, recibiu unha mención especial no 2000 e "Onde viven os monstros", de Maurice Sendak, foi finalista. "Avós", de Chema Heras e Rosa Osuna, foi Premio Llibreter en 2003. Noutras convocatorias tamén foron finalistas "Gato Guille e os monstros", de Rocío Martínez; "A viaxe do bisavó", de Marta Farias e Aitana Carrasco; e "Son un cabalo", de Gonzalo Moure e Esperanza León.

Á presentación dos Premios Llibreter 2013, que se celebrou na Biblioteca Jaume Fuster, asistiron o presidente do Gremio de Libreiros de Cataluña, Antoni Daura; os voceiros do xurado, Lali Diumaró, Josep Cots e Jordi Gisbert; o ilustrador Roberto Innocenti co director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, e coa editora de Kalandraka Italia, Lola Barceló; e representantes das editoriais Quaderns Crema, Símbol Editors e Sexto Piso, que tamén foron galardoadas.

Mostrando resultados 21 a 25 de 118