13/04/2013

MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO GAÑA O PREMIO DA CRÍTICA ESPAÑOLA DE POESÍA EN GALEGO POR "OS ÁNGULOS DA BRASA"

O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) vén de gañar o Premio da Crítica Española, que se fallou esta mañá en Ponferrada, polo poemario "Os ángulos da brasa", editado na colección Tambo de FAKTORÍA K, un selo editorial de KALANDRAKA. É a segunda vez que Manuel Álvarez Torneiro recibe este galardón, que xa lle fora concedido en 1999 pola obra "Luz de facer memoria".

"Os ángulos da brasa" tamén foi o libro distinguido o pasado mes de marzo co Premio Ánxel Casal ao libro de Poesía 2012 pola Asociación Galega de Editores.

Consta de 67 composicións divididas en tres seccións -Trama de vida, Terreal e sagrado, e Tapiz de cinsa- nas que Manuel Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, debulla emocións íntimas e pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.

Os Premios da Crítica Española que concede a Asociación Española de Críticos Literarios seleccionan os mellores libros de narrativa e poesía en galego, castelán, catalán e éuscaro publicados no ano anterior. Teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica, se ben gozan dun enorme prestixio en España e Latinoamérica.

Nesta 57ª edición optaban ao galardón un total de 47 poemarios e 42 novelas. O xurado estivo formado por 21 críticos dos principais medios a nivel estatal, universidades e entidades culturais, entre os que figura o galego Xosé Manuel Eyré, que destacou que "Os ángulos da brasa" é un poemario que "logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida e o ser humano desde a altura dos anos e da experiencia".

Manuel Álvarez Torneiro traballou durante moitos anos como xornalista para o diario La Voz de Galicia. Con 50 anos publicou o seu primeiro libro de poesía, "Memoria dun silencio". Dende entón a súa traxectoria literaria suma outros sete títulos, polos que obtivo o Premio Esquío (1995) e o Premio González Garcés (1999), e foi finalista do Premio Nacional de Poesía (2003).

05/04/2013

A ARXENTINA MARIANA RUIZ JOHNSON GAÑA O VI PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA, DOTADO CON 9.000 EUROS

Mariana Ruiz Johnson (Bos Aires, 1984) é a gañadora do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, dotado con 9.000 euros, pola obra presentada co título "Mamá". O xurado destacou "a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente cercano ao mundo da infancia". Tamén eloxiou "a pequena e lograda homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura".

A autora de "Mamá" está rematando os seus estudos de Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional de Arte, en Bos Aires. Comezou a súa formación en 2005 na escola de arte Sótano Blanco de José Sanabria, en obradoiros con ilustradores como Saúl Óscar Rojas e Claudia Legnazzi, e workshops en Italia con Svetlan Junakovic e Gianni de Conno. Imparte clases de procesos creativos en Sótano Blanco e outros seminarios de técnicas nesa mesma academia. En 2009 foi finalista do Premio A la Orilla del Viento do Fondo de Cultura Económica. Publicou varios libros da súa autoría con editoriais de América Latina e de Europa.

"Panda", de Marcos Guardiola Martín, de Madrid, e "Un día cualquiera", de Cristina Martín Recaséns, de Tarragona, recibiron senllas mencións especiais.

O xurado estivo formado polo ilustrador Emilio Urberuaga (Premio Nacional de Ilustración 2011), a escritora chilena María José Ferrada, a profesora Juana Vázquez, Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, o xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e a concelleira de Educación, María Castelao. O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado convócano o Departamento de Educación de Santiago e Kalandraka, no marco da Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago. A esta edición optaron un total de 374 traballos procedentes de 21 países.

OBRAS PREMIADAS EN ANTERIORES EDICIÓNS

A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela -á que se presentaron 335 traballos- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada "Cerca". Na convocatoria de 2009 -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por "Un gran soño". O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro "A familia C", que competiu con outras 518 propostas. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum "A viaxe de Olaf", seleccionado entre 374 traballos. "Bandada", dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición, entre 256 orixinais de 19 países.

04/04/2013

KALANDRAKA CELEBRA O SEU 15 ANIVERSARIO NO DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

KALANDRAKA cumpre mañá -Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil- o seu 15º aniversario. Dende a súa fundación o 2 de abril de 1998, a editorial leva publicados máis de 1300 títulos en diferentes linguas. Libros que, a partir desta semana, vanse poder adquirir online dende calquera lugar do mundo, a través dunha plataforma de comercio electrónico aloxada na páxina web www.kalandraka.com. Unha ferramenta que foi desenvolvida pola empresa informática galega Igalia, a través da tecnoloxía do software libre.

Nestes 15 anos de traxectoria, as publicacións de KALANDRAKA recibiron varios premios nacionais de edición e de ilustración; recoñecementos aos que se sumou recentemente o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural. Con presenza directa non só no estado español, senón tamén en Portugal, Italia, México e Brasil, a editorial galega vén afianzando a súa proxección exterior: tras participar na 50ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a próxima cita sectorial á que asistirá será a Book Expo América de Nova York, do 29 de maio ao 1 de xuño.

Outro acontecemento relevante nesta semana do Día do Libro Infantil e Xuvenil é o fallo do VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que convocan Kalandraka e o Departamento de Educación de Santiago. O xurado emitirá o seu veredicto este venres 5 de abril despois de avalir os máis de 400 traballos que enviaron autores e ilustradores de todo o mundo.

"Bandada", de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Hernández, "A viaxe de Olaf", de Martín León Barreto, "A familia C", de Pep Bruno e Mariona Cabassa, "Un gran soño", de Felipe Ugalde, e "Cerca", de Natalia Colombo, son as obras que conforman a colección dos Premios Compostela, aos que se presentaron máis de 2.100 obras nas súas seis edicións

04/04/2013

"BANDADA", INCLUIDO NA SELECCIÓN 'THE WHITE RAVENS 2013'

"Bandada", a obra coa que os mexicanos Julia Díaz e David Álvarez gañaron o V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, foi incluida na prestixiosa selección The White Ravens 2013 que realiza a Biblioteca Internacional da Xuventude (Internationale Jugendbibliothek) de Munich. "Bandada", publicada por KALANDRAKA en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués, é un dos nove libros escollidos en España por esta institución.

Esta selección -que se presentará na 50ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 25 ao 28 de marzo- componse dun total de 250 títulos publicados en distintos países e en linguas diversas. Un comité de expertos en literatura infantil e xuvenil analiza a producción editorial en base a criterios como a temática, a innovación artística, o estilo literario ou o deseño. Dende a Internationale Jugendbibliothek referírose a "Bandada" como un álbum "impresionante" sobre a historia da civilización, tomando como protagonistas simbólicos a un conxunto de aves humanizadas.

Trátase dun relato que propón unha fonda reflexión sobre o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso científico e o benestar, pero que co tempo perverte os seus principios, xera violencia e dominación dos fortes sobre os débiles. As ilustracións detallistas, realizadas coa técnica do grafito, destacan por crear unha atmosfera de "quietude perturbadora, melancolía e desilusión", segundo os expertos desta entidade.

"Bandada" súmase a outros títulos do catálogo de KALANDRAKA que xa figuran nas listas de anos precedentes: "A viaxe de Olaf", de Martín León Barreto, galardoado tamén con Premio Compostela, resultou seleccionado na convocatoria de 2012; "Contos para nenos que dormen deseguida", de Pinto & Chinto, foi incluido na lista The White Ravens 2011, á que precederon outros libros como "Tío Lobo", "Onde perdeu Lúa a risa?", "O sorriso de Daniela", "Páxaros na cabeza" ou "Smara".

04/04/2013

O MINISTERIO DE CULTURA DISTINGUE A KALANDRAKA CO PREMIO NACIONAL Á MELLOR LABOR EDITORIAL 2012

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte vén de concederlle a KALANDRAKA o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 polo "compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a adicación a xéneros máis complexos como a poesía", calificando a editorial como "un referente en España e no estranxeiro". É a primeira vez que unha editorial especializada en Literatura Infantil e Xuvenil recibe este galardón.

Trátase dun recoñecemento colectivo que KALANDRAKA comparte cos profesionais que participan no traballo creativo, de produción e comercialización dos Libros para Soñar: autores e ilustradores, tradutores, correctores e impresores que suman os seus esforzos ao equipo da editorial repartido non só por Galicia e polo resto de España, senón tamén en Portugal, Italia, México, Arxentina, Brasil, Chile e outros países nos que se proxecta o catálogo.

Dende a súa fundación o 2 de abril de 1998, KALANDRAKA distinguiuse pola edición de álbums ilustrados da mellor calidade estética e literaria, tanto de producción propia, como traducións de obras importantes no panorama contemporáneo da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, así como a recuperación de clásicos.

Outro piar da editorial dende a súa creación foi a animación á lectura no eido educativo, a través das sesións de contos e música que percorren colexios e bibliotecas, e no fogar, a través das actividades que se promoven nas librarías Libros para Soñar de Vigo e da Coruña.

FEIRAS INTERNACIONAIS

Trala súa recente participación na 30ª Feira Internacional do Libro LIBER, celebrada en Barcelona, KALANDRAKA inaugura mañá o seu stand na 64ª Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que se prolongará ata o 14 de outubro. Alí estará dando a coñecer a súa produción editorial máis novidosa a editores, axentes e distribuidores de América, Asia e Europa.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e do Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenos son outras iniciativas de KALANDRAKA no ámbito da creación literaria e artística.

Este Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 súmase a outros galardóns concedidos polo Ministerio de Cultura a nivel de edición e ilustración; os máis recentes foron o 1º Premio Nacional de Edición 2011 na categoría de Libros Infantís e Xuvenís pola obra "Kipling Ilustrado", e o 3º Premio Nacional de Edición 2010 nas categorías de Libro Infantil-Xuvenil e de Arte por "Dióxenes" e "Miguel Hernández, 25 poemas ilustrados", respectivamente.

O Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 ten por obxecto distinguir o conxunto da labor editorial dunha persoa física ou xurídica que destacara pola súa achega sobresaínte e innovadora á vida cultural española durante 2011, segundo o Ministerio de Cultura. Ten carácter honorífico e carece de dotación económica.

O xurado estivo composto por Raúl Fernández, designado pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Mauricio Santos, pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE); Alberto Sánchez, pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL); Pedro Cerrillo, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); José Manuel Anta, pola Federación de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Edicións (FANDE); Blanca Berasategui, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Marián López, polo Instituto de Investigacións Feministas; Pere Vicens, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte; e Oblit Baseiria en representación da editorial Libros del Zorro Rojo, galardoada en 2011. Actuaron como presidenta a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu, e como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, da Lectura e das Letras Españolas, Mónica Fernández.

Mostrando resultados 26 a 30 de 118