05/10/2011

A MINISTRA DE CULTURA VISITA O STAND DE KALANDRAKA EN LIBER

Coas ilustracións da obra gañadora do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, “A viaxe de Olaf”, de Martín León Barreto, que se presentará este mes, o stand de KALANDRAKA tamén exhibe outros títulos, como o finalista do certame, “Que che gustaría ser?”, de Arianna Papini; e dous clásicos recuperados: “Críctor”, de Tomi Ungerer, no 80 aniversario deste autor e ilustrador; e unha edición especial en galego de “Contos por teléfono”, de Gianni Rodari, con ilustracións do artista plástico Pablo Otero. Na inauguración de Liber, o stand de KALANDRAKA recibiu a visita da ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde.

Rumanía é o país invitado nesta edición da feira, que organiza a Federación de Gremios de Editores de España. KALANDRAKA é unha das 443 empresas participantes, xunto con institucións e organismos nacionais e internacionais. Ademais, Liber conta con compradores procedentes de ata 70 países. Aos encontros e seminarios profesionais, súmanse diversas exposicións, como a dos libros mellor editados de 2010, entre os que se atopan “Miguel Hernández: 25 poemas ilustrados” e “Dióxenes”, distinguidos co terceiro premio na categoría de arte e literatura infantil, respectivamente.

Tralo seu paso por Liber, KALANDRAKA participará na 63ª Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 12 ao 16 de outubro. A editorial tamén acudirá á 25ª Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), do 26 de novembro ao 4 de decembro.

 

18/05/2011

KALANDRAKA OBTÉN DOUS GALARDÓNS NOS PREMIOS NACIONAIS DE EDICIÓN

A escolma poética “Miguel Hernández, 25 poemas ilustrados” editouse co gallo do centenario do nacemento do poeta oriolano. As composicións están ilustradas por artistas plásticos de ámbitos e estilos diversos, que plasman os seus versos na linguaxe da fotografía, do deseño, da pintura ou da escultura. Entre os ilustradores galegos ou afincados en Galicia que participan nesta obra colectiva están Baldo Ramos, Belén Padrón, Darío Basso, Federico Fernández, Miguel Robledo, Óscar Villán, Pablo Otero, Ramón Trigo, Marc Taeger e Xosé Cobas.

“Dióxenes”, con texto de Pablo Albo e ilustracións de Pablo Auladell, xa conta co Premio Lazarillo de Creación Literaria 2008. Esta micronovela -editada en galego, castelán e portugués- relata a historia dunha peculiar familia na que coleccionan toda clase de obxectos, tecendo unha tenra metáfora na que subxace o trastorno homónimo.

Estas distincións do Ministerio de Cultura súmanse a outros Premios Nacionais que, en edicións anteriores, recaeron en libros como “O coelliño branco” e “Onde perdeu Lúa a risa?”, polos que Óscar Villán e Federico Fernández recibiron o primeiro premio na categoría de Ilustración nos anos 1999 e 2002, respectivamente; xunto con “Pancho”, de Antonio Santos, galardoado co segundo premio en 2003. “Pucho, o habitador dos tellados”, tamén fora seleccionado co terceiro premio na categoría de Libro Infantil en 2006; o mesmo ano no que “Animalario, Arte da India”, editado no selo FAKTORÍA K, obtivo o primeiro premio na categoría de Libro de Arte.

“Miguel Hernández, 25 poemas ilustrados” e “Dióxenes” van ser algúns dos libros destacados na Book Expo America que se vai celebrar do 24 ao 26 deste mes en Nova York, e na que vai participar KALANDRAKA pola súa adscrición á Federación de Gremios de Editores de España.

 

05/05/2011

UNHA EXPOSICIÓN E UN LIBRO REPASAN A TRAXECTORIA ARTÍSTICA DE MAX DENDE OS ANOS 70 ATA A ACTUALIDADE

Tanto o libro como a exposición está articulado en catro bloques temáticos ordeados cronoloxicamente. Un amplo e completo percorrido por catro décadas de segreda coherencia que comezan na Barcelona underground e libertaria dos 70, seguida da fundación da mítica revista El Víbora que reinventaría o cómic na España dos 80, ata chegar ao século XXI. Ao longo da súa traxectoria, Max non deixou de bucear en cada momento no seu propio tempo, para entregar as súas visións debuxadas da realidade.

Trala súa estancia no MuVIM, esta antolóxica de Max viaxará a México DF para expoñerse de novembro a decembro no Centro Cultural de España. Durante 2012 trasladarase a sete cidades de Brasil para exhibirse noutras tantas sés do Instituto Cervantes dese país.

Ademais de plasmar as ilustracións e deseños que se poiden ver na mostra, o libro “Max: Panóptica 1973-2011” complétase con artigos do escritor José Carlos Llop, dos guionistas de cómic e críticos Jordi Costa e Santiago García, e do profesor e crítico de arte Alberto Ruiz Samaniego. Ademais dos textos, traducidos tamén a inglés e francés, o libro contén diversas fotografías que ilustran a traxectoria profesional e vital do artista.

"O reino da infancia. A palabra reino. O reino do bosque. O reino do deserto. Este é o Max que coñezo. O reino de Max. Do bosque ao deserto. Da sensual mitoloxía á cáustica metafísica. Do erotismo ao ascetismo. Da tribo á soidade. E ao fondo, a literatura, que tamén está; que non se entende -Max- sen ela". (José Carlos Llop).

“O trazo de Max, dende as súas orixes, é permeable e xeneroso: o trazo dun artista que detecta, recoñece afinidades, canibalízaas amorosamente e sabe seguir avanzando e crecendo nun constante afinamento da súa propia identidade. Como sabe todo fiel seguidor da obra de Max, a súa traxectoria tivo as súas fases Chaland, os seus tránsitos Ever Meulen, os seus interludios gregos, as súas rupturas airadas e os seus éxtases surreais, pero en ningún momento, nin sequera nas primeiras fases de construción dun carácter propio e recoñecible a través do estilo, aflorou a sospeita de estar ante un creador condenado á mímese por limitación ou déficit de elocuencia propia". (Jordi Costa).

"Max é o único historietista capaz de facer cómic a partir da filosofía na colección onde debuxa o pensamento de Deleuze ou Arendt sobre textos de Marta Larrauri. Dun concepto nace unha secuencia de viñetas, e o discurso non verbal que estas elaboran non é tanto ilustrativo como complementario (ou alternativo) do texto de partida. Por iso, tamén, é capaz de facer filosofía debuxada cando cumpre con escrupulosa profesionalidade (porque estamos falando dun artista contemporáneo coa profesionalidade dun artesán medieval) con cada ilustración semanal para o suplemento Babelia". (Santiago García").

"Os personaxes de Max experimentan ese sentimento de extrañeza, o asombro e a marabilla de estar alí. Esa sensación é o que os gregos, xustamente, chamaron ‘a cadea do ser’. Bardín topa a miúdo con ela: é a sensación de estar inmerso nun mundo, de formar parte del, nunha sorte de continuidade que se extende dende o máis pequeno argueiro de herba ata as estrelas". (Alberto Ruiz de Samaniego).

Max (Barcelona, 1956) iniciou a súa carreira artística en 1973 cando se uniu ao grupo El Rollo e o seu fanzine contracultural El Rollo Enmascarado. Influido pola obra de Robert Crumb, colaborou en revistas como Mata Ratos, Star, Butifarra e Integral. Foi un dos fundadores, en 1979, de El Víbora, onde xurdiron os personaxes de Gustavo e Peter Pank. Polo camiño foi sumando as influencias artísticas de Yves Chaland e Ever Meulen. Colabora co diario El País e mais co suplemento cultural Babelia. Recibiu numerosas distincións: o Premio da Crítica Serra d’Or 1996, o Premio Nacional de Ilustración Infantil en 1997, o Premio Ignatz (EEUU) en 1999, o Gran Premio do Salón do Cómic de Barcelona no ano 2000, e o Premio Nacional de Cómic en 2007 pola creación do personaxe de Bardín o Superrrealista. Ese mesmo ano adxudicáronlle o Premio Junceda Iberia e os premios á mellor obra, mellor debuxo e mellor guión do Salón do Cómic de Barcelona. Como ilustrador fixo cartaces, cubertas de libros e discos, ilustracións para prensa, libros infantís e animacións. É presidente da Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais.

 

14/04/2011

A GALERÍA SARGADELOS DE SANTIAGO ACOLLE A EXPOSICIÓN DE ILUSTRACIÓNS DA XI CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA

As ilustracións de “A Familia C”, a obra gañadora do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, co libro editado en sete linguas, marca o punto de inicio deste percorrido por diferentes estilos e temáticas. Destaca o colorido das imaxes de Mariona Cabassa para acompañar o relato de Pep Bruno, ambientado no mundo circense. Así, a Galería Sargadelos convértese na carpa dun circo onde non faltan as bandeirolas multicor, as serpentinas e o confeti, os instrumentos malabares e os aderezos dos pallasos.

Séguelle “Mago Goma”, un libro do lucens e Toño Núñez ilustrado por Adrià Fruitós, que tamén fai un alarde de cromatismo e imaxinación visual para complementar este relato rimado sobre un ilusionista que colma a súa felicidade facendo felices aos nenos. Unha gran chisteira da que sae un coello e unha variña máxica son os elementos tridimensionais nos que se apoia esta parte da exposición para atraer a atención dos visitantes.

E como na meirande parte dos circos, tamén hai animais, aínda que neste caso para provocar no público unha reflexión arredor da existencia de especies en catividade: o elefante “Pancho” protagoniza unha historia localizada na sabana africana, pola que o seu autor e ilustrador, Antonio Santos, recibiu o 2º Premio Nacional de Ilustración. Ademais das imaxes orixinais do álbum, tamén figura un gran mural de vinilo cos personaxes protagonistas do conto.

Vanina Starkoff foi finalista do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado coa obra “Bailar nas nubes”, que narra o crecemento progresivo dun pobo coa chegada de habitantes de diferentes procedencias. Deste relato sobre a mestizaxe e a multiculturalidade destaca o estilo étnico e naïf das ilustracións, de cores intensas e fortes contrastes, como lle corresponde ao folclore latinoamericano. Unha torre de casiñas de cartón, aderezadas con cometas, reproduce en tres dimensións unha das páxinas interiores máis chamativas deste libro, convertendo este recuncho nun dos máis acolledores e admirados desta mostra colectiva.

“O paraugas amarelo”, con texto de Franz Joel Rosell, é un álbum inédito no catálogo de KALANDRAKA, do que se ofrece un adianto en imaxes: outra historia que enlaza co esp írito transgresor e lúdico do circo. A exposición da Galería Sargadelos complétase cunha sala exclusivamente adicada a “Compostela”, o caderno de viaxe do artista plástico David Pintor. A obra componse de estampas metafóricas nas que se representan espazos emblemáticos da cidade. Ademais de contemplar as ilustracións nun contexto que imita a calidez dun típico café da zona monumental, os visitantes tamén poden ver unha montaxe audiovisual adicada a este fermoso libro, editado en colaboración co Consorcio de Santiago.

A exposición da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura é un dos focos centrais do programa de actividades, que se complementa con sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, sesións formativas para educadores, contacontos para bebés e para público familiar, e visitas ás escolas infantís. A Galería Sargadelos é o edificio no que transcorren a maior parte delas: o coello protagonista do libro “Non é unha caixa”, da estadounidense Antoinette Portis, guía os pasos dos visitantes ata a sala que alberga o material da mostra.

 

08/04/2011

“EL CAMINO DE OLAJ”, DE MARTÍN LEÓN-BARRETO, GAÑA O IV PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO

Ao IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse 374 traballos procedentes de 19 países, a maioría dende España. Tamén optaban ao galardón proxectos enviados de Italia, Portugal, Arxentina, Brasil, Chile, Alemaña, Estados Unidos, México e Francia. En menos medida, presentáronse candidatos de Ecuador, Holanda, El Salvador, Hungría, Perú, Rumanía, Rusia, Serbia, Suiza e Uruguai. O gañador da presente edición recibirá 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor e a súa obra publicarase en galego, castelán, catalán, eusquera e portugués.

Martín León-Barreto Johnson é deseñador gráfico e ilustrador dende 1991, especialista en deseño de coleccións e portadas para libros infantís e xuvenís. Afincado en Guadalaxara (España), colabora con diversas editoriais e medios de comunicación. A obra premiada é un álbum infantil cuxo argumento segue os esquemas da tradición oral. Trátase “dunha viaxe iniciática a partir da acumulación de obxectos e animais que se nomean”, segundo os membros do xurado. Para Martín León-Barreto é o seu primeiro libro como autor e ilustrador: “El camino de Olaj” conta a historia dun personaxe que vive nunha casa grande, que se lle queda pequena ao ir sumando amigos que atopa no seu percorrido.

A concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; o ilustrador italiano Roberto Innocenti (Premio Andersen de Ilustración 2008); a escritora e actriz Paula Carballeira; o escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil Federico Martín Nebras; o jefe do departamento de Educación do Concello, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; e Beatriz Varela, como secretaria técnica, foron os integrantes do xurado, que destacaron a “altísima calidade” dos participantes.

“El camino de Olaj” súmase a “Cerca”, da arxentina Natalia Colombo; “Un gran soño”, do mexicano Felipe Ugalde; e “A Familia C”, dos españois Pep Bruno e Mariona Cabassa, que foron galardoados -por esta orde- nas tres primeiras edicións do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Ao igual que as súas predecesoras, Kalandraka presentará o traballo de Martín León-Barreto nas principais feiras do libro, como Boloña (Italia), Frankfurt (Alemaña) e Guadalaxara (México).

O IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado forma parte das actividades da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada polo departamento de Educación de Santiago e Kalandraka. Ata o 30 de abril a Galería Sargadelos acolle exposicións de libros e as súas ilustracións orixinais, sesións de contos e música para escolares, así como obradoiros de escrita creativa e de ilustración. O programa de actividades, no que se agarda a participación dunhas 5.000 persoas da bisbarra compostelá, complétase con accións formativas para profesionais do ensino, sesións de contos para bebés e visitas ás escolas infantís.

 

Mostrando resultados 31 a 35 de 117