08/04/2011

“EL CAMINO DE OLAJ”, DE MARTÍN LEÓN-BARRETO, GAÑA O IV PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO

Ao IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse 374 traballos procedentes de 19 países, a maioría dende España. Tamén optaban ao galardón proxectos enviados de Italia, Portugal, Arxentina, Brasil, Chile, Alemaña, Estados Unidos, México e Francia. En menos medida, presentáronse candidatos de Ecuador, Holanda, El Salvador, Hungría, Perú, Rumanía, Rusia, Serbia, Suiza e Uruguai. O gañador da presente edición recibirá 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor e a súa obra publicarase en galego, castelán, catalán, eusquera e portugués.

Martín León-Barreto Johnson é deseñador gráfico e ilustrador dende 1991, especialista en deseño de coleccións e portadas para libros infantís e xuvenís. Afincado en Guadalaxara (España), colabora con diversas editoriais e medios de comunicación. A obra premiada é un álbum infantil cuxo argumento segue os esquemas da tradición oral. Trátase “dunha viaxe iniciática a partir da acumulación de obxectos e animais que se nomean”, segundo os membros do xurado. Para Martín León-Barreto é o seu primeiro libro como autor e ilustrador: “El camino de Olaj” conta a historia dun personaxe que vive nunha casa grande, que se lle queda pequena ao ir sumando amigos que atopa no seu percorrido.

A concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; o ilustrador italiano Roberto Innocenti (Premio Andersen de Ilustración 2008); a escritora e actriz Paula Carballeira; o escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil Federico Martín Nebras; o jefe do departamento de Educación do Concello, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; e Beatriz Varela, como secretaria técnica, foron os integrantes do xurado, que destacaron a “altísima calidade” dos participantes.

“El camino de Olaj” súmase a “Cerca”, da arxentina Natalia Colombo; “Un gran soño”, do mexicano Felipe Ugalde; e “A Familia C”, dos españois Pep Bruno e Mariona Cabassa, que foron galardoados -por esta orde- nas tres primeiras edicións do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Ao igual que as súas predecesoras, Kalandraka presentará o traballo de Martín León-Barreto nas principais feiras do libro, como Boloña (Italia), Frankfurt (Alemaña) e Guadalaxara (México).

O IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado forma parte das actividades da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada polo departamento de Educación de Santiago e Kalandraka. Ata o 30 de abril a Galería Sargadelos acolle exposicións de libros e as súas ilustracións orixinais, sesións de contos e música para escolares, así como obradoiros de escrita creativa e de ilustración. O programa de actividades, no que se agarda a participación dunhas 5.000 persoas da bisbarra compostelá, complétase con accións formativas para profesionais do ensino, sesións de contos para bebés e visitas ás escolas infantís.

 

10/03/2011

A XI CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO CONCELLO DE SANTIAGO CONTARÁ CO PRESTIXIOSO ILUSTRADOR ITALIANO ROBERTO INNOCENTI

Innocenti vai ofrecer unha conferencia o 7 de abril ás 19:00 horas na Fundación Caixa Galicia de Santiago, presentado polo narrador, editor e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, Federico Martín Nebras. Ao día seguinte, 8 de abril, vai ser un dos membros do xurado que decidirá o fallo do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que na pasada edición recaeu no autor Pep Bruno e na ilustradora Mariona Cabassa pola obra titulada “A Familia C”.

Roberto Innocenti (Florencia, 1940) é un dos ilustradores máis sobranceiros da actualidade, con libros como “A historia de Erika”, “As aventuras de Pinocho” ou “La casa”, editados por Kalandraka. De formación autodidacta, comezou a súa traxectoria artística aos 18 anos. Foi deseñador, grafista publicitario e cartelista. Os seus traballos ilustraron os textos de escritores tan senlleiros como Eta Hoffmann, Charles Perrault, Oscar Wilde, Christophe Gallaz ou Charles Dickens. Admirado en todo o mundo, recibiu os premios artísticos máis prestixiosos: a Mazá de Ouro da Bienal de Bratislava, a Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York e o Premio Internacional de Ilustración Hans Christian Andersen en 2008.

A concelleira de Educación do Concello de Santiago, resaltou a importancia da Campaña Municipal de Animación á Lectura como unha iniciativa “xa consolidada” despois de once anos, e considerouna “imprescindible e irrenunciable” dentro da planificación municipal. Para o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, trátase dun “canto á creatividade” que pretende “formar futuros cidadáns, para que sexan imaxinativos, mais tamén críticos”. Nesta ocasión, a Galería Sargadelos vaise converter “nun pequeno museo” cunha ambientación circense, vencellada á temática do libro “A Familia C”.

ACTIVIDADES ESCOLARES

Na liña dos últimos anos, a XI Campaña Municipal de Animación á Lectura agarda a asistencia de máis de 5.000 nenos e nenas de Santiago e da súa bisbarra, máis os adultos que acudan ás actividades formativas e abertas ao público. Para o persoal docente das escolas participantes celebrarase unha sesión de presentación, este luns 14 de marzo ás 18:30 horas na Galería Sargadelos. Ese mesmo día, a partir das 10:00 horas na Galería Sargadelos, comezarán tamén as actividades para o alumnado de Educación Infantil e Primaria. Os cativos serán os protagonistas das sesións de contacontos e música que se realizarán no espazo das exposicións de libros e ilustracións. Os álbumes destacados nesta edición son “A Familia C”; “Bailar nas nubes”, da Vanina Starkoff, finalista do III Premio Internacional Compostela; Mago Goma, do lucense Toño Núñez e Adrià Fruitós; “Pancho”, de Antonio Santos (II Premio Nacional de Ilustración 2003); “Compostela”, do coruñés David Pintor; e “O paraugas amarelo”, de Joel Franz Rosell e Giulia Campolmi, unha obra inédita que sairá do prelo proximamente.

Para os escolares de segundo ciclo de Educación Primaria deseñáronse obradoiros de ilustración que vai impartir o artista plástico Óscar Villán, afincado na bisbarra compostelá. A partir das imaxes que ilustran o caderno de viaxe “Compostela”, realizaranse obradoiros de escrita creativa coordinados por Alberto Barreiro. Outra das actividades importantes son os encontros co ilustrador ourensán Pablo Otero, que se van celebrar nas escolas infantís de Conxo (28 de marzo), San Roque (29 de marzo), Fontiñas (30 de marzo), Polígono do Tambre (31 de marzo) e Trasparlamento (1 de abril).

SESIÓNS ABERTAS

Entre as facetas máis valoradas polo Departamento de Educación do Concello de Santiago á hora de artellar o programa, está o carácter participativo da Campaña Municipal de Animación á Lectura, que inclúe sesións abertas ao público. Tralo éxito e a demanda das sesións de contos para bebés que se implantaron o ano pasado, realizaranse dúas actividades de contos para nenos e nenas de 0 a 3 anos, acompañados dun adulto, arredor de títulos específicos para esa franxa de idade, como a colección “Do berce á lúa”, de Kalandraka: o sábado 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, ás 11:00 e ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos. O aforo será limitado, polo que as persoas interesadas deben dirixirse ao Departamento de Educación para realizar a reserva.

Ademais, haberá unha xornada de contos e música para as familias, o sábado 9 de abril, a partir das 12:00 horas. A XI Campaña Municipal de Animación á Lectura vaise clausurar o 30 de abril, cun acto lúdico na Galería Sargadelos e no Casino de Santiago, a partir das 12:00 horas. Festexarase o 11º aniversario da campaña cunha sesión de contos, amenizada polos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.

O obxectivo da XI Campaña Municipal de Animación á Lectura é achegar o libro e á lectura aos nenos e nenas nun clima motivador e creativo, inculcarlles o aprezo polas producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural nun contexto crítico e selectivo, e promover a tradición e a expresión oral da lingua.

 

04/03/2011

'KEMBO' E 'ZEIN POLITA DEN PANAMA!', NA LISTA DE HONRA DA IBBY

A Lista de Honra da IBBY é unha escolma bianual de libros destacados que distinguen a obra de autores, ilustradores e tradutores dos países adheridos a esta entidade. A Lista de Honra 2012 presentarase na 48º Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 28 ao 31 de marzo, e os diplomas entregaranse con motivo do 33º Congreso da IBBY, que se celebrará en Londres do 23 ao 26 de agosto de 2012.

“Kembo” e “Zein polita dein Panama!” súmanse a outros dous títulos do catálogo de KALANDRAKA pertencentes a esta prestixiosa escolma, logo de “Pucho, o habitador dos tellados”, incluido na modalidade de autor polo texto de Manuel Janeiro, e “29 historias disparatadas”, na categoría de tradución, de Susana Fernández de Gabriel e Franck Meyer. Ámbolos están na Lista de Honra 2008, que se presentou no Congreso celebrado ese ano en Copenhague.

Para Miguel Catalayud é o seu terceiro libro incluido nun catálogo internacional: “Soy el Aire” pertence á Lista de Honra Andersen (1976) e “El cavallet de cartó” figura na Lista de Honra da IBBY de 1986.

Cunha coidada linguaxe descritiva e moito sentido do humor, Carlos Pérez relata as peripecias dun adorable e incomprendido felino. As ilustracións de Miguel Calatayud brillan pola súa calidade artística: figuras expresivas, paisaxes exóticas e escenas cheas de dinamismo, cun estilo caracterizado pola xeometría das composicións, a sutileza da acuarela e o simbolismo subxacente. “Que bonito é Panamá!”, é un clásico da Literatura Infantil e Xuvenil actual que representa o valor da amizade e da inocencia.

Miguel Calatayud (Aspe, Alicante, 1942) estudou na Escola de Artes Aplicadas de Murcia e na Escola Superior de Belas Artes de San Carlos (Valencia). Posúe os galardóns máis prestixiosos do sector, como o Premio Lazarillo de Ilustración (1974) e o Premio Nacional de Ilustración (en 1989, 1991 e en 2009, ao conxunto da súa carreira). No ano 2000 foi candidato por España ao premio internacional Hans Christian Andersen. Durante os 80 foi un dos representantes da chamada ‘liña clara valenciana’. Dirixe varios proxectos editoriais e foi comisario das exposicións ‘Animales en su tinta’ e ‘Originales para cinco rondallas’ do Salón do Libro Infantil Ilustrado Cidade de Alicante. Na súa bibliografía cóntanse unha ducia de cómics e máis de medio cento de libros ilustrados, como “Al pie de la letra”, “Libro das M’Alicias” e “Kembo”, editados por KALANDRAKA. A súa obra protagoniza unha mostra antolóxica no Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade (MuVIM), da que KALANDRAKA editou o catálogo, titulado “Miguel Calatayud. Ilustraciones 1970-2010”.

 

17/02/2011

KALANDRAKA PRESENTA NO MUVIM DE VALENCIA OS CATÁLOGOS DE SENLLAS EXPOSICIÓNS ADICADAS A MIGUEL CALATAYUD E A KIPLING

Kipling Ilustrado é un libro de 224 páxinas encardenado en cartoné que contén unha escolma de contos deste autor distinguido co Premio Nobel de Literatura, seleccionados por KALANDRAKA e polo MuVIM. Arnal Ballester, Paco Giménez, Pablo Auladell, Pep Montserrat, Isidro Ferrer, Pablo Amargo e Ajubel visten coas súas imaxes estas historias protagonizadas por personaxes do mundo animal, ambientadas na India colonial ou na Inglaterra victoriana, e onde non falta unha peza tan emblemática como “El hombre que quiso ser rey”. Este libro complétase cos prólogos da comisaria da exposición, Lola Pascual, e da profesora de Educación Visual e Plástica da Universidade de Barcelona, Teresa Durán.

Miguel Calatayud: Ilustraciones 1970/2010 inclúe máis de 400 traballos realizados por este artista nos últimos 40 anos: cartaces, libros infantís, cómics e colaboracións para medios de comunicación, institucións e colectivos sociais. Trátase dunha edición rústica de 328 páxinas nas que se aprecia a estética propia e recoñecible de Miguel Calatayud, que se caracteriza polas composicións conceptuais, as formas xeométricas, o sentido cubista da perspectiva e o protagonismo da cor. Tamén participan o comisario da exposición, Carlos Pérez, o crítico literario Gustavo Puerta e o escritor e xornalista Adolf Beltrán, que nos seus respectivos artigos analizan o universo visual de Miguel Calatayud, co que KALANDRAKA publicou as obras tituladas Al pie de la letra, Kembo e Libro das M’Alicias.

A exposición Miguel Calatayud: Ilustraciones 1970/2010, que ofrece unha parte dos seus orixinais, poderase visitar no MuVIM ata o vindeiro 25 de abril, mentres que a mostra Kipling Ilustrado permanecerá aberta ao público no mesmo museo ata o 25 de xaneiro de 2012.

 

28/01/2011

DAVID PINTOR E GABRIEL PACHECO, NA MOSTRA DE ILUSTRADORES DA FEIRA DO LIBRO DE BOLOÑA 2011

David Pintor e Gabriel Pacheco están entre os 76 ilustradores seleccionados este ano por un xurado internacional. Á edición de 2010 presentáronse 2.454 candidatos, dos cales se escolleron 87. As ilustracións incluidas na exposición son contempladas por milleiros de persoas de todo o mundo que acoden á Feira do Libro de Boloña e quedan recollidas nun catálogo de arte; ademais, a mostra emprende unha xira itinerante que, dende Italia, chega a outros países.

David Pintor (A Coruña, 1975) é un dos seis ilustradores españois incluidos na Exposición de Ilustradores de 2011. Dende 1993 pertence ao dúo de humor gráfico Pinto&Chinto, que publica as súas viñetas en La Voz de Galicia. Recibiu o premio da Society of News Design. Tamén obtivo o Premio Curuxa do Humor, o Premio Hermes de humor gráfico, o Premio do Salón da Caricatura de Vila Real, o premio Pura e Dora Vázquez de ilustración, o Premio Internacional Bienal Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe e o Premio Ilustrador do Año Città del Sole 2010. As ilustracións de “Contos para nenos que dormen deseguida” destacan polo seu xeneroso colorido e un sutil toque poético. O libro, que seis meses despois do seu lanzamento en galego, castelán e portugués, xa vai pola súa segunda edición, foi distinguido como o mellor libro infantil en Galicia pola web especializada Fervenzas Literarias, a partir dunha enquisa na que participaron máis de 500 internautas.

Gabriel Pacheco (México DF, 1973) é graduado en Escenografía pola Escola Nacional de Teatro do Instituto Nacional de Belas Artes e Literatura. Adícase á ilustración dende 1997 e ao longo da súa traxectoria recibiu diversos galardóns: Premio do X Concurso Internacional de Ilustración Cittá de Chioggia (Venecia) en 2004; Premio Internacional de Libro Ilustrado de México en 2000 e 2002. Foi seleccionado para participar na mostra Ilustrarte 2007 (Portugal), Blue Book Group e na IV Exposición Internacional de Ilustración Infantil do Museo Diocesano de Padua (Italia). Nas ilustracións de “Os catro amigos”, de cores suaves e cálidas texturas, presenta animais humanizados, con brazos e pernas, ataviados e caracterizados. “Un regreso á cor como un xogo inevitable, a idea estética de Brueghel coa súa parábola dos cegos”, comenta Pacheco sobre o libro. “Os catro amigos é o xardín dos vellos soños e das promesas novas, todos con esa fermosa vellez que nos nace polas noites e nos abandoa cada día. E a felicidade de estar en Boloña, que sempre ubica e anoa o compromiso de volver empezar”.

 

Mostrando resultados 36 a 40 de 118