23/11/2010

CONVOCADO O IV PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO, QUE CONTARÁ CON ROBERTO INNOCENTI NO XURADO DO CERTAME

O Premio Compostela está dirixido a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas. As persoas interesadas en presentarse ao certame deberán enviar cinco copias do texto escrito en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto. O material, asinado baixo lema ou seudónimo, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (Rúa do Presidente Salvador Allende, 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- en outubro de 2011. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil. As condicións completas de participación pódense consultar nas respectivas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.org).

A gañadora da primeira edición do Premio Compostela -á que se presentaron 335 traballos de varios países- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora do álbum titulado “Cerca”. Na convocatoria de 2009 -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por “Un gran soño”. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro “A familia C”, que competiu con outros 518 traballos de 22 países. KALANDRAKA editou os tres títulos en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano, cunha tiraxe conxunta de 20.000 exemplares de cada obra.

A convocatoria deste certame internacional encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello de Santiago e Kalandraka organizan anualmente no mes de abril, e que en 2011 acadará a súa undécima edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

 

26/10/2010

PEP BRUNO E MARIONA CABASSA RECIBIRON EN SANTIAGO O III PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA POR 'A FAMILIA C'

 

“A familia C” é unha obra que o xurado do III Premio Internacional Compostela -formado pola concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; o tradutor e experto en literatura infantil e xuvenil, Xabier Senín; os ilustradores Gusti e David Pintor; Manuela Rodríguez en representación de KALANDRAKA; o xefe do Departamento de Educación, José Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Varela como secretaria técnica- cualificou de “imaxinativa, orixinal e moderna”. A través da ollada dun neno, este álbum aproxima os lectores a unha familia moi peculiar que adora o circo polo que representa de mundo posible-imposible e polo seu xogo de irreal-realidade. Demostra así que a rutina pódese impregnar de ilusión, logrando que actividades cotiás como facer o almorzo ou ir traballar acaben sendo unha grande aventura.

Na súa intervención tras recoller o galardón de mans do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a ilustradora destacou canto significaba para ela esta distinción, oito anos despois de que Pep Bruno e mais ela traballaran xuntos por primeira vez no libro titulado “Conto para contar mentres se come un ovo frito”, que fora editado precisamente por KALANDRAKA e que tamén foi a primeira obra de ámbolos dous. Pola súa parte, o autor de “A familia C” construiu un mosaico de palabras que comezan con esa letra, dende circo ata conto, pasando por cultura, crecemento ou Compostela.

O director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, quixo constatar a consolidación do álbum ilustrado en España como xénero que, nos últimos anos, está a revolucionar o panorama da Literatura Infantil e Xuvenil. Ao longo da súa traxectoria, KALANDRAKA vén apostando pola edición de álbums ilustrados como canle para potenciar a educación plástica e visual dos lectores, amosándolles propostas diversas que trascendan os modelos uniformizadores. E así se plasma nas Campañas de Animación á Lectura que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago coa colaboración da editorial, dende hai once anos. Unha consecuencia desta campaña foi a posta en marcha do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado que “en tan pouco espazo de tempo xa forma parte do horizonte de centos de autores e ilustradores de todo o mundo”, pola difusión que acadou nas súas tres primeiras edicións.

Precisamente, o alcalde de Santiago incidiu no "orgullo" que supón para o Concello "apoiar o Premio Compostela por terceiro ano consecutivo", que chega -con esta edición e "máis de cincocentas obras presentadas"- á súa "absoluta consolidación a nivel internacional".

“A familia C” súmase aos dous álbums premiados nas anteriores convocatorias, “Cerca”, da arxentina Natalia Colombo, e “Un gran soño”, do mexicano Felipe Ugalde. E ao igual que os seus predecesores, viaxará ás principais feiras do mundo nas que participa KALANDRAKA, comezando pola Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, e continuando en 2011 na Feira Inte rnacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, ás que lle seguirán as de Bos Aires e Frankfurt, entre outras.

Xunto coa publicación de “A familia C”, KALANDRAKA tamén vén de editar a obra finalista do III Premio Internacional Compostela, “Bailar nas nubes”, da arxentina Vanina Starkoff, que tamén se pode ler nas mesmas linguas. Entre ámbolos títulos, KALANDRAKA realizou un importante esforzo de tiraxe, que suma máis de 22.000 exemplares.

A estancia de Pep Bruno e Mariona Cabassa en Santiago completouse cun encontro con estudantes do IES do Sar pertencentes á especialidade de Bacharelato Artístico, cos que compartiron as súas respectivas experiencias na creación de álbums ilustrados. Autor e ilustradora explicáronlles de que maneira se complementan as súas respectivas facetas no proceso creativo do libro, amosaron exemplos concretos baseados na produción de “A familia C” e, ademais, Mariona Cabassa realizou unha demostración da técnica mixta que empregou para ilustrar o texto, combinando collage, pinturas acrílicas e composición dixital.

Pep Bruno (Barcelona, 1971) é licenciado en Filoloxía Hispánica, en Teoría da Literatura Comparada, e diplomado en Traballo Social. É narrador oral e escritor; imparte cursos, obradoiros e realiza actividades vencelladas aos libros e á animación lectora. Foi membro do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil de Guadalaxara, cidade na que reside actualmente. Ten publicados varios álbums infantís e libros de contos para adultos. Gañou o IV Premio Internacional de Álbum Ilustrado Biblioteca Insular Cabildo de Gran Canaria.

Mariona Cabassa (Barcelona, 1977) estudou na Escola Massana de Barcelona e completou a súa formación académica en Francia. Participou en diversas exposicións colectivas de gravado e ilustración. Ademais de traballar na ilustración de álbums ilustrados para público infantil, tamén imparte cursos de arte e deseño. Recibiu o Premio da Asociación Profesional de Ilustradores de Cataluña en 2003 e 2009. Foi seleccionada en 2005 para participar na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

 

09/09/2010

Unha exposición no marco do 32º Congreso da IBBY trae a Compostela a obra de case un centenar de ilustradores de 27 países

A ilustración de Óscar Villán, realizada con técnica mixta, está asociada ao medo e á morte. David Pintor expón o retrato colorista dun pallaso, co que evoca o esplendor dos circos de antano. Marc Taeger ofrece unha visión vangardista do clásico de Carapuchiña, baseada na experimentación con estilos e materiais.

A estes súmanse outros creadores do resto de España que tamén teñen vínculos con KALANDRAKA, como Aitana Carrasco e Adriá Fruitós, ilustradores de “A viaxe do bisavó e “Mago Goma”, respectivamente. A lista complétase con Pablo Amargo, Anna Castagnoli, José María Lema de Pablo e Josep Antoni Tàssies.

Entre os ilustradores de procedencia foránea relacionados con KALANDRAKA atópase, ademais, o portugués Gémeo Luis, ilustrador de “O tempo voa”. Por países, Xapón conta coa maior representación, con 19 artistas plásticos, seguido de Italia con 14, Francia con 10 e España con 9. Na exposición Blue Book Group tamén figuran artistas de Estonia, Corea, Arxentina, Alemaña, Hungría, Polonia, Eslovenia, Portugal, Irán, Australia, Bulgaria, Croacia, Estados Unidos, Grecia, Países Baixos, Reino Unido, Romanía, Rusia, Suecia, Suiza, Taiwan, Tunisia e Turquía.

O Blue Book Group é unha iniciativa independente dos irmáns iranís Hassan e Ali Amekan, que deron en agrupar o traballo de ilustradores de distintos países do mundo, elixidos polo seu dinamismo e pola súa especialización neste xénero artístico. Tralo éxito dunha primeira exposición celebrada en 2007, a mostra pasou por Teherán, Dubai e Tokio.

Esta panorámica do Blue Book Group forma parte das actividades da XI Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA.

 

20/08/2010

KALANDRAKA PRESENTA OS SEUS PRIMEIROS TÍTULOS DESTINADOS AO MERCADO BRASILEIRO

A creación desta nova empresa editorial afincada en São Paulo é posible grazas á alianza entre KALANDRAKA e a brasileira Callis, dirixida por Miriam Gabbai; unha colaboración que se viña forxando nos últimos anos a raíz da adquisición, por parte de Callis, dos dereitos para traducir e publicar diversos títulos do catálogo de KALANDRAKA. Algunha desas publicacións mesmo foi distinguida pola Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil, a sección brasileira da Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (IBBY, nas súas siglas en inglés).

KALANDRAKA BRASIL aspira a converterse nun referente de calidade editorial no mercado brasileiro. A diferenza da práctica totalidade dos álbums ilustrados, que se producen en edición rústica ou tapa branda, os títulos de KALANDRAKA distínguense pola encadernación en tapa dura ou cartoné, seguindo a liña de perdurabilidade e dignificación do libro infantil e xuvenil que caracteriza o selo de orixe galega.

Outro obxectivo é afondar no proceso de internacionalización de KALANDRAKA, que xa conta con selos propios en Portugal, Italia e México; este último -Libros para Soñar- participado tamén por Callis, e do que xurdiu a nova iniciativa empresarial que agora se estrea. Coa súa implantación en Brasil, KALANDRAKA pretende dar a coñecer nese país de economía emerxente o traballo de autores e ilustradores cuxa obra se atopa no seu catálogo. De igual maneira, tamén contribuirá a introducir no mercado occidental aos creadores brasileiros: tanto os que xa contan con publicacións en KALANDRAKA, como Flavio Morais, ilustrador de “Só un segundo”, e André Neves, ilustrador de “Orellas de bolboreta” e “Amelia quere un can”, como outros que se incorporen a curto prazo, caso da narradora Clara Haddad. Ademais, reforzará a imaxe de Galicia no ámbito lusófono, coa publicación en portugués de Brasil, das obras galardoadas co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, convocado anualmente polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e por KALANDRAKA.

Os títulos de KALANDRAKA BRASIL fixeron a súa presentación oficial no marco da oitava edición da Festa Literária Internacional de Paraty (FLIP), que se celebrou do 4 ao 8 de agosto nesa cidade situada no estado de Río de Janeiro. KALANDRAKA BRASIL tamén participou cun stand propio na 21ª Bienal Internacional do Livro de São Paulo, que remata este domingo 22 de agosto. Esta feira especializada, a segunda máis importante de América, conta coa presenza de 350 expositores de todo o mundo, máis de 900 selos editoriais, e prevé sumar máis de 700.000 visitantes.

 

09/07/2010

FAKTORÍA K PUBLICA POR PRIMEIRA VEZ EN GALEGO A CORMAC McCARTHY

“A estrada”, publicada por McCarthy en 2006, está considerada como unha das mellores novelas da literatura norteamericana contemporánea. Trátase dunha crónica conmovedora e impactante sobre o mundo posterior a unha catástrofe nuclear, reflectindo o mellor, e tamén o peor, da condición humana. Foi levada ao cine en 2009 polo director John Hillcoat; outros títulos deste escritor foron adaptados á gran pantalla, como “Non é terra para vellos” e “Todos os cabalos lindos”.

FAKTORÍA K seguirá enriquecendo o seu catálogo de narrativa en galego coa creación literaria de Cormac McCarthy, ao igual que ten editado sucesivas obras de escritores como Philip Pullman, coa triloxía “A materia escura”, ou Bernardo Atxaga, do que se publicaron “Obabakoak” e “Sete casas en Francia”. Precisamente, “A estrada” publícase de xeito simultáneo con outro libro do escritor irlandés John Boyne, tralo éxito de “O neno do pixama a raias”, que vai pola sétima edición en galego.

“Motín na Bounty”, traducida ao galego por Carlos Acevedo, é unha novela de aventuras ambientada nun feito histórico acontecido a finais do século XVIII e protagonizada por un capitán da Armada inglesa durante unha travesía polas augas do Pacífico. Este episodio, que xa fora narrado por outros escritores e do que se realizaron varias adaptacións cinematográficas, fai un reflexivo retrato da disciplinada vida no mar, coa ollada orixinal de John Boyne, quen presenta un complexo mundo dominado polo poder e pola ambición.

 

Mostrando resultados 41 a 45 de 118