16/06/2010

COMEZA A DISTRIBUCIÓN DO NÚMERO 0 DO XORNAL ESCOLAR 'O CARTAFOL DO LÉREZ'

 

Trátase dunha iniciativa impulsada dende a Concellería de Educación de Pontevedra e coordinada por KALANDRAKA para achegar os libros e a lectura aos escolares de Primaria. Durante o pasado mes de maio, uns 400 rapaces e rapazas participaron activamente nunha serie de actividades baseadas en experiencias literarias adaptadas ao ámbito xeográfico e histórico da cidade, e contextualizadas na dinámica de cada centro docente. Coas creacións do alumnado artellouse un xornal que, ao longo de diversas seccións, contén dende micro-contos, adiviñas e poemas, ata receitas de cociña imaxinarias, pasando por un roteiro creativo pola zona monumental da cidade, unha entrevista co ilustrador Xosé Cobas, unha reportaxe sobre a biblioteca escolar do CEIP San Martiño de Salcedo, e mesmo fotografías dos obradoiros.

Precisamente, un dos obxectivos desta campaña é potenciar as bibliotecas escolares como “eixe vertebrador”, segundo Xosé Pérez, de KALANDRAKA, da actividade dos centros. Pola súa participación en O Cartafol do Lérez, os colexios están a recibir estes días cadanseu lote de 20 obras, con títulos como “A gramática da fantasía”, do pedagogo Gianni Rodari, álbums ilustrados de creación, libros de ciencias, de coñecemento do medio, ou de poesía. A partir das actividades realizadas, os promotores desta iniciativa pretenden “prender a chispa da creatividade” no alumnado, para que a experiencia de ler e escribir se prolongue no tempo.

Ademais de distribuirse gratuitamente nos centros educativos, o xornal tamén aspira a introducirse nos fogares, a través dos propios alumnos e alumnas, “traspasar as fronteiras da escola” e apostar pola “lectura en familia” de O Cartafol do Lérez “como reforzo positivo para achegarse ao libro e á lectura”, precisou Xosé Pérez.

Á parte da versión impresa, que pola limitación do espazo cínguese a unha escolma dos traballos redactados polos alumnos e alumnas, a páxina web de O Cartafol do Lérez permitirá difundir a meirande parte das creacións realizadas nos obradoiros. Trátase dunha ferramenta máis completa e dinámica que permite a participación dos visitantes, que poden enviar comentarios, dispoñer de máis información sobre os libros empregados na campaña, navegar polos contidos das diferentes seccións do xornal e tamén acceder aos blogues dos propios centros escolares.

O Cartafol do Lérez continuará a partir do mes de outubro con máis actividades. Inicialmente, a campaña no seu conxunto deseñouse para realizar uns 60 obradoiros nos que participen arredor de 1.500 nenos e nenas. O concelleiro de Educación de Pontevedra e os representantes de KALANDRAKA animaron os centros escolares a sumarse a esta iniciativa, que a partir do vindeiro curso virá acompañada de novos números da publicación impresa. Así, malia que está proxectado publicar dous xornais máis, cunha tiraxe de 2.000 exemplares cada un, non se desbota a posibilidade de ampliar as previsións.

 

03/06/2010

MANUEL RIVAS E AITANA CARRASCO SON OS CREADORES DUN ÁLBUM SOLIDARIO DEL QUE DOA UN 10% DAS VENDAS PARA ACCIÓNS A PROL DA INFANCIA

“Milu” relata de forma tenra e entrañable as vivencias e a indefensión dunha nena ante os problemas que atravesan os seus proxenitores: cando o seu pai deixa de cantarlle cancións e a súa nai deixa de ter expectativas, unha pequena televisión convértese na súa única compaña. Durante a presentación da obra, na Feira do Libro de Madrid, Aitana Carrasco explicou a simboloxía dos obxectos cos que plasmou a fráxil situación do personaxe, como portas e fiestras, o mar e os naufraxios. Entre eles, unha bola do mundo e unha maleta representan non só unha viaxe de ida e de fuxida, senón tamén de regreso. As súas ilustracións combinan estampados, texturas e grabados antigos, creando ambientes realistas nos que se mesturan elementos oníricos.

Outras figuras serviron para abordar metaforicamente a afectividade e a fantasía de Milu, non para adozar a tristura e a soidade que envolven o relato, senón para ofrecer outras sensibilidades que rodean o personaxe traballado pola ilustradora. En conxunto, Aitana Carrasco destacou a forte conexión entre a faceta artística do libro e a propia simboloxía do texto elaborado por Manuel Rivas. O autor visitará a caseta 314 de KALANDRAKA o domingo día 13 a partir das 17:00 horas para asinar exemplares do libro, unha actividad na que tamén participou Aitana Carrasco trala presentación.

A participación de ambos neste libro conleva unha colaboración con Meniños que, no caso de Manuel Rivas consiste en cederlle os seus dereitos de autor á Fundación. Pola súa parte, Aitana Carrasco cédelle a imaxe da nena protagonista para que figure en campañas de sensibilización e concienciación social sobre o acollemento familiar de nenos desamparados. Meniños é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa a prol do benestar deste sector tan sensible da sociedade: a través de programas de intervención social, trata de impulsar unha cultura do bo trato á mocidade, fomentando o seu protagonismo e a súa participación como suxeitos activos de dereitos.

Escritor e xornalista, Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é autor dunha importante obra literaria pola que recibiu prestixiosas distincións: Premio da Crítica galega, Premio da Crítica española, Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa, entre outros. Tamén publicou libros de relatos e poemas, ademais de obras para público infantil e xuvenil. Aitana Carrasco (Valencia, 1978) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Valencia. Foi galardoada co IX Premio Internacional ‘A la orilla del viento’. A súa obra expúxose en numerosos museos, centros culturais e feiras de libros de España e doutros países. Ademais de “Milu”, ilustrou outros libros editados por KALANDRAKA, como “El poso del café” e “A viaxe do bisavó”, seleccionado polo Banco do Libro de Venezuela entre ‘Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes 2010’.

 

24/05/2010

O BANCO DO LIBRO DE VENEZUELA SELECCIONA CATRO TÍTULOS DE KALANDRAKA ENTRE OS MELLORES DE 2010

Nese mesmo apartado de libros para nenos, a obra “Lágrimas de cocodrilo”, de André François, editado no selo FAKTORÍA K, recibiu a mención “rescate editorial”. Por outra banda, “Estás en la luna”, de Carmen Montalbán e ilustracións da galega Pilar Millán, foi distinguida coa mención “libro entrañable”. Ademais, “A historia do Rainbow Warrior”, de Rocío Martínez, foi incluido na selección “Los tres imprescindibles de la biblioteca”.

Nesta convocatoria dos galardóns, o Banco do Libro -sección venezolana da IBBY (Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil)- celebra os 50 anos da súa fundación; tamén se cumpren tres décadas dende que esta institución iniciara o seu programa de avaliación e distinción das mellores publicacións para lectores infantís e xuvenís: “Nos enorgullece poder celebrar tres décadas de una premiación que refleja un trabajo en conjunto. Grupos de evaluadores -críticos literarios, educadores, ilustradores, animadores a la lectura, promotores y aficionados a la literatura infantil y juvenil- se han congregado a lo largo de la historia de este premio para dedicarse a la minuciosa labor de analizar las producciones del vasto y heterogéneo mercado de los libros para niños y jóvenes”, declararon recentemente os responsables do Banco do Libro de Venezuela.

Este premio xurdiu en 1980 como un estímulo para as editoriais comprometidas coa produción de libros “cada vez máis competentes e excelentes”, mais tamén se converteu, co paso dos anos, nun recoñecemento ao traballo de autores e ilustradores. Nesta ocasión, o Comité Interdisciplinario de Avaliación do Banco do Libro de Venezuela contou cunha mostra de 141 obras postuladas.

Os libros seleccionados formarán parte dunha gran exposición itinerante que estará presente na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), na que KALANDRAKA participa anualmente con stand propio. O catálogo de KALANDRAKA posúe varios títulos destacados por esta entidade, entre eles “Avós”, de Chema Heras e Rosa Osuna, e “Non é unha caixa”, de Antoinette Portis.

 

14/05/2010

EXPOSICIÓN DE ILUSTRACIÓNS NA GALERÍA SARGADELOS DE SANTIAGO

As ilustracións do libro “Un gran soño”, de Felipe Ugalde, gañador do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, protagonizan esta X Campaña. Trátase dun traballo realizado coa técnica do acrílico no que se aprecia o valor metafórico das imaxes, a súa relación coa mitoloxía maia e a astronomía. Esta parte da exposición compleméntase coa figura dun crocodilo en gran formato, elaborado con papel maché.

Séguenlle as ilustracións de Aitana Carrasco para o libro “A viaxe do bisavó”, que vén de ser incluido na prestixiosa selección “Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes 2010” que realiza o Banco do Libro de Venezuela na categoría infantil. Unha instalación artística a base de maletas, libros e fotografías antigas serve de apoio visual a este álbum que aborda a multiculturalidade, a emigración e os lazos de unión con Latinoamérica.

Gabriel Pacheco é o autor das ilustracións do libro “Os catro amigos”, baseadas no conto dos músicos de Bremen, polo que os cadros rodéanse de instrumentos tradicionais galegos. O estilo deste artista mexicano destaca pola representación de figuras humanizadas, con cores suaves e cálidas texturas.

Tamén destacan as creacións do ilustrador ourensán -afincado en Santiago- Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración 1999. A súa obra ilustra o libro “O Rei Oso Branco”, con relatos do narrador británico Tim Bowley. Óscar Villán impartirá a próxima semana as derradeiras sesións do obradoiro de ilustración no que participan escolares compostelanos de Educación Primaria.

Con motivo do centenario do nacemento do autor e ilustrador Leo Lionni, unha das salas da Galería Sargadelos adícase por completo a expoñer os libros deste creador que figuran no catálogo de KALANDRAKA: “Nadarín”, “Frederick”, “Pequeno Azul e Pequeno Amarelo” e “A casa máis grande do mundo”. Son títulos emblemáticos na historia da Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea.

A exposición da X Campaña de Animación á Lectura complétase cunha representación dos liñogravados cos que Marc Taeger ilustrou o libro-disco “Tic-Tac”, con música de Pablo Díaz. Tamén se pode contemplar unha escolma de ideogramas deseñados polo ourensán Pablo Otero. Outra das salas da Galería Sargadelos acolle os dez carteis que anualmente foron a imaxe deste programa educativo a prol do libro dende a súa posta en marcha hai unha década; o espazo foi adaptado polo ilustrador ‘Gusti’, un dos membros do xurado do III Premio Internacional Compostela.

 

13/05/2010

PRESENTACIÓN DE 'MILU', DE MANUEL RIVAS E AITANA CARRASCO, UN LIBRO SOLIDARIO COA FUNDACIÓN MENIÑOS

“Milu”, con texto de Manuel Rivas e ilustracións de Aitana Carrasco, editado por KALANDRAKA, vai servir para que moitos nenos e nenas que viven nunha situación cómoda e que contan coa protección dos seus maiores, saiban que moi preto deles existe outra realidade antagónica: nenos e nenas que viven nunha situación precaria a nivel afectivo, social e económico. O libro de “Milu” é froito da perseverancia da Fundación Meniños, impulsando dende hai tempo este proxecto editorial solidario que vai permitir que se leven a cabo programas de intervención social e de acollemento familiar con nenos e nenas desamparados: Manuel Rivas cédelle á Fundación Meniños os seus dereitos de autor, Aitana Carrasco contribúe tamén con esta causa cedendo a imaxe da protagonista da historia para que Meniños a poida utilizar nas súas campañas de sensibilización, e ademais KALANDRAKA cede un 10% das vendas do álbum.

Anticipando a celebración do Día da Familia, este sábado 15 de maio, moitas persoas acudiron onte á presentación de “Milu” na Fundación Luis Seoane da Coruña: profesionais vencellado a Meniños, libreiros e bibliotecarios, e tamén a concelleira de Servizos Sociais da Coruña, Silvia Longueira, acompañaron o vicepresidente de Meniños, Xosé Manuel Villanueva, o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, e o autor da obra, Manuel Rivas. Quedou en Valencia Aitana Carrasco, de cuxas ilustracións Manuel Rivas destacou que “a maleta de Milu xa forma parte da mellor iconografía galega”, posto que nos identifica como “país de emigrantes e náufragos” e ponnos en sintonía co resto da humanidade que tamén comparte esa condición errante.

“Milu” existía xa antes de converterse na protagonista do relato literario de Manuel Rivas, que se referiu ao personaxe como “un corpo aberto que pode incorporar, simbolizar e darlle abrigo a moitas vidas e moitos rostros diferentes”. O autor logrou algo tan sinxelo como complexo: plasmar a historia que a propia Milu lle foi contando de si mesma, a súa aparente soidade trala que se agocha unha sorprendente capacidade para relacionarse coas cousas que a rodean. Así é como Milu, tecendo unha especie de “panteísmo de amizade”, converte unha pequena televisión “nun ser marabilloso” no que atopa refuxio e compaña fronte ao seu contexto familiar adverso.

Quen se achegue a “Milu” fará unha lectura “realista, mais non de xeito topicamente realista”: Milu representa a moitos nenos e nenas cuxos pais ou titores atravesan circunstancias desfavorables que os incapacitan de forma temporal ou permanente para satisfacer as súas necesidades básicas; nenos e nenas que precisan de apoio externo para seguir medrando en condicións dignas, no marco dun fogar de acollida; nenos e nenas que conseguen saír adiante grazas a que colectivos como a Fundación Meniños se preocupan deste sector tan sensible da poboación. “Porque a atención á infancia é un baremo para medir a saúde dunha sociedade”, concluía Manuel Rivas, a historia de Milu transmite esperanza e o libro no que se conta a súa historia aspira a ser un bo amigo nesta viaxe polos sentimentos, as emocións e a imaxinación.

 

Mostrando resultados 46 a 50 de 118