04/04/2013

O MINISTERIO DE CULTURA DISTINGUE A KALANDRAKA CO PREMIO NACIONAL Á MELLOR LABOR EDITORIAL 2012

É a primeira vez que unha editorial especializada en Literatura Infantil e Xuvenil recibe este galardón

Ilustración de "A que sabe a lúa?", de Michael Grejniec, un dos títulos emblemáticos de Kalandraka.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte vén de concederlle a KALANDRAKA o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 polo "compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a adicación a xéneros máis complexos como a poesía", calificando a editorial como "un referente en España e no estranxeiro". É a primeira vez que unha editorial especializada en Literatura Infantil e Xuvenil recibe este galardón.

Trátase dun recoñecemento colectivo que KALANDRAKA comparte cos profesionais que participan no traballo creativo, de produción e comercialización dos Libros para Soñar: autores e ilustradores, tradutores, correctores e impresores que suman os seus esforzos ao equipo da editorial repartido non só por Galicia e polo resto de España, senón tamén en Portugal, Italia, México, Arxentina, Brasil, Chile e outros países nos que se proxecta o catálogo.

Dende a súa fundación o 2 de abril de 1998, KALANDRAKA distinguiuse pola edición de álbums ilustrados da mellor calidade estética e literaria, tanto de producción propia, como traducións de obras importantes no panorama contemporáneo da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, así como a recuperación de clásicos.

Outro piar da editorial dende a súa creación foi a animación á lectura no eido educativo, a través das sesións de contos e música que percorren colexios e bibliotecas, e no fogar, a través das actividades que se promoven nas librarías Libros para Soñar de Vigo e da Coruña.

FEIRAS INTERNACIONAIS

Trala súa recente participación na 30ª Feira Internacional do Libro LIBER, celebrada en Barcelona, KALANDRAKA inaugura mañá o seu stand na 64ª Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que se prolongará ata o 14 de outubro. Alí estará dando a coñecer a súa produción editorial máis novidosa a editores, axentes e distribuidores de América, Asia e Europa.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e do Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenos son outras iniciativas de KALANDRAKA no ámbito da creación literaria e artística.

Este Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 súmase a outros galardóns concedidos polo Ministerio de Cultura a nivel de edición e ilustración; os máis recentes foron o 1º Premio Nacional de Edición 2011 na categoría de Libros Infantís e Xuvenís pola obra "Kipling Ilustrado", e o 3º Premio Nacional de Edición 2010 nas categorías de Libro Infantil-Xuvenil e de Arte por "Dióxenes" e "Miguel Hernández, 25 poemas ilustrados", respectivamente.

O Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 ten por obxecto distinguir o conxunto da labor editorial dunha persoa física ou xurídica que destacara pola súa achega sobresaínte e innovadora á vida cultural española durante 2011, segundo o Ministerio de Cultura. Ten carácter honorífico e carece de dotación económica.

O xurado estivo composto por Raúl Fernández, designado pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Mauricio Santos, pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE); Alberto Sánchez, pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL); Pedro Cerrillo, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); José Manuel Anta, pola Federación de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Edicións (FANDE); Blanca Berasategui, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Marián López, polo Instituto de Investigacións Feministas; Pere Vicens, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte; e Oblit Baseiria en representación da editorial Libros del Zorro Rojo, galardoada en 2011. Actuaron como presidenta a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu, e como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, da Lectura e das Letras Españolas, Mónica Fernández.