
V PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ALBUMS ILUSTRADOS:
VEREDITO DO XURADO
O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e a Editorial Kalandraka convocaron por quinto ano consecutivo o Premio Internacional de Álbums Ilustrados, no marco da XII Campaña de Animación á Lectura que cada ano se organiza dende este Concello.
Estas cinco edicións tiveron unha grande capacidade de convocatoria pois contabilizáronse máis de 1.531 traballos (dos que 256 se corresponden coa presente edición), cifra que da a medida da importante repercusión que este premio xa ten a nivel internacional. As propostas presentadas nesta ocasión proceden de diversos países, algúns europeos como Alemaña, Italia, Suíza, Dinamarca, Portugal, Francia, Holanda, Gran Bretaña ou España. E tamén de varios países americanos como Arxentina, Chile, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguai, Perú e EE.UU.
Os membros do xurado destacaron a calidade e a variedade temática dos 256 albums ilustrados presentados ao Premio, procedentes de 19 países.
Como resultado das distintas deliberacións, o xurado acordou conceder por unanimidade o V Premio Internacional "Compostela" de Albums Ilustrados á obra de David Daniel Álvarez Hernández e Julia Díaz Garrido, de México, presentada baixo o lema "Parvada". O galardón, cunha dotación de 9.000 euros, comporta a publicación do libro en castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués.
O xurado valorou especialmente o virtuosismo da súa execución e a extraordinaria calidade das ilustracións, elaboradas cunha técnica moi depurada, e a forza expresiva do branco e negro, cores sobre os que está elaborada a obra.
Os autores de "Parvada" propoñen unha reflexión sobre unha sociedade que se desenvolve na procura do coñecemento e do progreso, no camiño dunha vida mellor, mais que se constrúe sobre unha gran contradicción.
David Álvarez (México D.F.,1984) é licenciado na Escuela de Diseño del Instituto Nacional de Bellas Artes de México (EDINBA). Os seus estudios de Artes Plásticas levárono ao campo da ilustración, no cal xa recibiu varios recoñecementos a nivel internacional: Primeiro Premio en ilustración na categoría de Estudiante no Encontro Latinoamericano de Deseño 2011, organizado pola Universidade de Palermo; Segundo lugar no Catálogo de Ilustradores para Publicacións Infantís e Xuvenís da Cidade de México 2011. Tamén foi seleccionado para a Bienal de ILUSTRARTE 2012 en Lisboa.
Julia Díaz (México D.F.,1986), é licenciada en Deseño, na Escuela de Diseño del Instituto Nacional de Bellas Artes de México (EDINBA). Ten participado en diversos obradoiros de creación e edición de libros ilustrados, algúns impartidos por recoñecidos artistas como Gabriel Pacheco, Javier Zabala ou Suzanne Zeller.
O xurado estivo formado polo concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Ángel Currás Fernández; a editora e investigadora Felicidad Orquín; o ilustrador Xan López Domínguez; a editora Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e técnica do Departamento Beatriz Varela, como secretaria técnica.
O xurado tamén recomenda a publicación da obra presentada baixo o lema "Seré...", cuxa autora é Daniela Iride Murgia, de Venecia (Italia).
O xurado aprecia a valía dun grupo de traballos que, á marxe do álbum gañador, tamén merecen unha consideración especial e que foron presentadas baixo os lemas "En algún lugar", "El Sanatorio", "Nicomedes el Pelón" e "Aldino, el rábano y la oveja 106".
Os traballos premiados noutras edicións foron:
A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela -ao que se presentaron 335 traballos- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada "Cerca". Na convocatoria de 2009 -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por "Un gran soño". O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro "A familia C", que competiu con outras 518 obras. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum "A viaxe de Olaf", seleccionado entre 374 traballos procedentes de 19 países.
A convocatoria deste certame encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello de Santiago e Kalandraka organizan anualmente no mes de abril, e que en 2012 acadará a súa duodécima edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.