Premio Compostela

“O CAN DE MIMO”, DA AUTORA HÚNGARA MARIANN MÁRAY, GAÑA O XII PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO

 O proxecto presentado co lema “Atrapamiradas”, de Marina Núñez Monterroso e Avi Ofer, dende Barcelona, foi finalista 

A autora e ilustradora húngara Mariann Máray foi a gañadora do XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado co proxecto presentado co lema “O can de Mimo”. O certame, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e por KALANDRAKA, ten unha dotación de 9.000 euros e conleva a publicación da obra seleccionada nas cinco linguas peninsulares.

O xurado, formado polos expertos en Literatura Infantil e Xuvenil Nazaré de Sousa e José Morán, os ilustradores Noemí Villamuza e Xosé Cobas, a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez, e o concelleiro en funcións de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Manuel Dios, sinalou que “O can de Mimo” destaca “pola súa atrevida aposta plástica, reforzada pola multiplicidade cromática, cercana á estética naif e ao mundo da infancia”. Tamén valorou “a coherencia do seu discurso narrativo, tanto textual como gráfico”.

 

 

A autora é graduada en Artes Aplicadas pola Universidade de Moholy-Nagy e especialista en comunicación visual. Estudou lingua e literatura italiana na Universidade de Budapest e traballa como ilustradora de libros para público infantil. Dende 2009 publicou numerosas obras, ademais de participar en exposicións. En 2017 foi seleccionada para a Bienal de Ilustración de Bratislava e a mostra de ilustración da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Nesta última foi finalista do concurso Silent Book 2019.

Ao XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse case 300 traballos procedentes de 24 países, entre os que figuran Francia, Italia, Inglaterra, Grecia, Dinamarca, Irlanda, Rusia, Polonia, Emiratos Árabes, China, Estados Unidos, Ecuador, Colombia, Chile e México, entre outros.

Ademais da obra gañadora, o xurado elixiu como finalista o proxecto presentado co lema “Atrapamiradas”, de Marina Núñez Monterroso e Avi Ofer, de Barcelona, e foi recomendada a súa publicación “polo valor contemporáneo da súa temática e pola reflexión sobre o uso das novas tecnoloxías dende un punto de vista humorístico”. 

En xeral, o xurado do XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado resaltou “a variedade e a riqueza temática e plástica” dos traballos recibidos, entre os que predomina “a preocupación ética polos valores humanísticos”.

 

 

Para Nazaré de Sousa, “a literatura para nenas e nenos está de noraboa con tantas obras marabillosas”, entre as cales a gañadora “enriquece moito este Premio Compostela”. Neste sentido, Noemí Villamuza eloxiou “a valentía e a precisión” da aposta artística de Mariann Máray, cuns orixinais que “son unha delicia”, engadiu. Ademais, Xosé Cobas expuxo que se trata dun traballo “atrevido por aplicar a técnica pictórica sobre un soporte negro”. 

Tanto “O can de Mimo” como “Atrapamiradas” teñen en común, segundo José Morán, que tratan sobre a importancia do afecto e da atención aos cativos: “A gañadora, dende a tenrura e o agarimo dunha mascota, e a finalista, pola desatención dos nenos a través da mirada distraída dos adultos, que ven a vida nas pantallas dos móbiles”.  

A obra de Mariann Máray publicarase en novembro deste ano e KALANDRAKA vai amosala nas principais feiras do libro, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de contribuír á difusión do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. A convocatoria deste certame forma parte da Campaña Municipal de Animación á Lectura que promoven o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e KALANDRAKA dende hai 19 anos. Con esta iniciativa preténdese achegar a lectura, a ilustración e a escrita ao público infantil, ademais de desenvolver a súa sensibilidade artística.

Nas once edicións precedentes foron premiados “Cerca”, de Natalia Colombo; “Un gran soño”, de Felipe Ugalde; “A familia C”, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; “A viaxe de Olaf”, de Martín León Barreto; “Bandada”, de David Álvarez e Julia Díaz; “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson; “Ícaro”, de Federico Delicado; “Despois da chuvia”, de Miguel Cerro; “Unha última carta”, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; “A horta de Simón”, de Rocío Alejandro; e “Cándido e os demais”, de Fran Pintadera e Christian Inaraja.