Elixe a categoría que te interesa consultar:
ACTIVIDADES
KALANDRAKA CELEBRA EN PONTECESO A SEMANA DAS LETRAS GALEGAS COA CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA ‘CANTAR E CONTAR’
09/05/2008

A Casa dos Veciños da Asociación Cultural ‘Monte Branco’ de O Couto, en Ponteceso, acollerá a partir de mañá e ata o 18 de maio a Campaña de Animación á Lectura “Cantar e Contar”, na que participa KALANDRAKA coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña. Esta actividade, que se enmarca no programa “Festiletras”, co gallo do Día das Letras Galegas, constará de sesións de contos e música para escolares de tres a oito anos, así como visitas guiadas á exposición de ilustracións orixinais coa que se complementará a campaña.

Participarán preto de 500 escolares pertencentes a 10 centros educativos da bisbarra de Bergantiños, que abarca concellos da Costa da Morte, dende Muxía ata Malpica. Haberá tres sesións diarias de contacontos, ás 10:30, 11:30 e 15:30 horas, con grupos de alumnos previamente concertados, e visitas guiadas á exposición, que tamén estará aberta ao público en xeral.

A mostra inclúe ilustracións dos artistas Marc Taeger, Óscar Villán, Federico Fernández, Alicia Suárez, Sofía F. Rodríguez e Ana Míguez para os libros “A verdadeira historia de Carapuchiña”, “O coelliño branco” (Premio Nacional de Ilustración), “Chibos chibóns”, "O Reiseñor" e "Os sete cabritos", respectivamente. Tamén se habilitou unha sala especial a base de elementos da tradición popular galega, como vestimentas, louza e apeiros de labranza.

INAUGURACIÓN

Este domingo día 11, ás 17:00 horas, celebrarase un acto público de inauguración, coa asistencia de autoridades locais e provinciais, así como mestres, pais e nais, para explicar o contido da mostra, ofrecer recomendacións de lectura e achegar propostas educativas que se poden traballar nas aulas a partir da exposición. Tamén se incidirá na importancia de inculcar a lectura tanto no fogar como na escola, con estratexias baseadas na tradición oral.

O obxectivo da campaña é favorecer o achegamento dos máis novos á lectura, inculcarlles o interese polo libro, a literatura e a arte como ben cultural, e que aprecien a tradición oral e musical galega. Así, coa exposición de ilustracións preténdese crear un clima motivador que favoreza a escoita e o poder evocador da palabra. As actividades tamén van enfocadas a procurar a recuperación da memoria colectiva a partir da cultura popular e favorecer, mediante os contos, a reflexión sobre valores como a solidariedade, a coeducación ou a ecoloxía.

KALANDRAKA vén de celebrar este pasado 2 de abril -Día do Libro Infantil e Xuvenil- os seus primeiros dez anos de existencia, dedicados exclusivamente á edición de álbums ilustrados para as novas xeracións de lectores, para quen tamén realiza campañas específicas de animación á lectura por toda Galicia. Durante o ano percórrense máis de 200 escolas, nas que se desenvolven sesións de contos e música que inciden na formación dos rapaces e na potenciación da súa faceta creativa.

Ao longo da súa traxectoria editorial, KALANDRAKA ten recibido importantes distincións nacionais e internacionais por algúns dos libros que forman parte do seu catálogo, galardoados co Premio Nacional de Ilustración, o Premio Nacional de Edición, o Premio Llibreter, o Premio Daniel Gil de Deseño Editorial, e incluidos en listas de honra tan prestixiosas como ‘The White Ravens’ (Biblioteca da Xuventude de Munich) ou a ‘Ibby’ (Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil).